lunes, 29 de febrero de 2016

A Casa da Escasulla

"Non sen preocupación, os nosos amigos iniciaron o camiño que os levaba a Manín. Tendo como desacougante paraxe a aterradora montaña de Franxoso, os camiñantes puideron ver a silueta da casa da Inquisición, coñecida no lugar co nome da Casa da Escasulla. (...)

  A dicir dos máis anciáns do lugar, houbo un tempo en que a casa estivera ocupada por un tebroso crego que exercía como párroco den Manín."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.166

domingo, 28 de febrero de 2016

Unha boa muller

"En canto aos forasteiros, tras recibir a hospitalidade dos aldeáns e ante o cariz que estaba tomando aquel veleno enriba da face de Nemeto, aconselláronlles que se dirixisen á Serra do Xurés xa que alí, en Manín, vivía unha boa muller capaz de sandar aquel terríbel mal.

  -Ese era, en realidade, o noso destino -comentou agradecido pola información o raparigo-, concretamente a parroquia de Compostela.

  O veciño máis vello da vila mostrou no seu rostro un aceno de desagrado ao ouvir aquilo."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.165

sábado, 27 de febrero de 2016

O edificio

"Mais o azar conduciunos a Terras Frías antes de chegar ao seu destino e, transitando por san Xoán de Barxa para alcanzar o inevitábel porto de montaña de A Gudiña, observaron ao pé do camiño unha sólida e enorme casa que, mirando desde un lado do río, se asentaba do outro a pé de camiño.

  O edifico chamaba sen dúbida a atención."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.163

viernes, 26 de febrero de 2016

Na tixola

"E sen dubidalo, o xigante lanzouse á auga chapuzando ledo como un neno. Despois acordaron seguir a beira do río até Toscaña, xunto ao lavadoiro, onde dicían os aldeáns que as troitas eran tan grandes e abundantes que practicamente abondaba con invitalas a saír da corrente para que se deitasen na tixola.

  Cabaleiro e escudeiro déronse un auténtico festín. A pesca era tan abundante como prometían, e o lugar un verdadeiro relanzo de paz. Á sombra dos chopos, un abrandado manto verde acollía aos comensais. Fronte ao lavadoiro escoitábase a mansa cadencia do río discorrendo por unha breve fervenza de apenas o tamaño dun chanzo, pola que o caudal baixaba lento e maxestoso. Á fronte, pola ponte de Toscaña cruzaba o leito un paisano cando Brais reparou nunha estraña muller que, coas roupas ensanguentadas, ficaba xunto ao lavadoiro."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.154-155

jueves, 25 de febrero de 2016

Nin unha soa cicatriz

"O coloso referiulle a historia dun cazador de Cotobade posuidor dun magnífico can de caza...(...)

  Sen vacilar, intentando vencer a dúbida, cargouno a lombos do seu cabalo e comezou a galopar sen destino. Chegando preto de Bañiño, pareceulle lugar dabondo afastado e aí o abandonou.

  Transcorreu un ano e o cazador tiña tantos remorsos por abandonar á súa sorte a tan leal compañeiro que decidiu regresar onde o deixara para recoller os seus restos, e polo menos enterralo xunto ás raíces dunha oliveira próxima á súa casa.

  Así marchou decidido e, ao chegar ao seu destino, atopouse para o seu asombro con que o can estaba bebendo do manancial do Bañiño. A sorpresa foi enorme, non xa porque estivese vivo, senón porque non quedaba nin unha soa cicatriz da terríbel ferida coa que o abandonara. (...)

 Xusto no momento no que o camiño entre santa María de Arcos e Pol de Piteira se desviaba á esquerda conducindo até unha fonte de augas sulfurosas, o mozo comezou a mofarse do seu compañeiro."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.152-153

miércoles, 24 de febrero de 2016

Na procura dunha milagreira fonte

"Vendo a súa aflición e arrepentimento, o fidalgo de Ríos Santos ofreceu ao nobre e a súa esposa escoltas para acompañalos: a ela ao convento de Sobrado, onde profesou como monxa, e a el ao de Montederramo, onde pouco tardou o fenecer pola dor de tan horríbel perda. (...)

  -Cara a onde iredes?- preguntaba o marqués ás portas do castelo-. Aquí podedes gozar de canto vos poida ofrecer.
  -O meu amigo, o cabaleiro Brais, reséntese das súas vellas feridas-explicou o xigante-. Imos na procura dunha milagreira fonte que, segundo din, mana en santa María de Arcos, cuxas augas son capaces de compor calquera mal.

  E coa gratitude do de Ríos Santos, que os proveu de vituallas, iniciaron a viaxe en busca da fonte do Bañiño."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.151-152

martes, 23 de febrero de 2016

O baluarte triveño

"Coa encomenda de tomar o baluarte triveño, o nobre de Río Santos barallara con Brais todas as posibilidades que se lle pasaron pola cabeza para vencer aqueles escarpados muros.

  Cando a comitiva encargada de conquistar o castelo chegou á vila, preferiu pasar a noite discretamente nunha pousada para coñecer primeiro os costumes do seu adversario e poder así cumprir o seu real labor. (...)

  Derrotado, o conde regresou ao castelo de Trives cando se atopou co marqués e os seus acompañantes.
  -No nome do noso señor o rei, tomamos esta praza-promulgou cerimonioso o de Ríos Santos dirixíndose ao lánguido conde-. Considerádevos preso.

  Pero o de Trives permanecía ausente lamentando a perda do seu fillo tras tan tortuosa fin."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.148/151

lunes, 22 de febrero de 2016

Enriba dun promontorio de Terras Altas

"O rei dirixiuse entón ao seu toldo para interesarse polo estado dos seus nobres súbditos e, conmovido pola lealdade do de Río Santos e o arroxo e heroicidade de Brais, decidiu premiar ao primeiro coa posesión do castelo de Trives e ao raparigo outorgándolle dignidade. (...)

  E tras un festín que durou dous alegres días, o monarca despediu aos seus súbditos confiando ao marqués que reclamase para si o castelo de Trives e ordenando a Brais que servise ao nobre naquela aventura, que boa falta había de facerlle tendo en conta a iniquidade do Conde de Trives, que só era superada polo seu home de palla alcumado O Lobo.

  Enriba dun promontorio de Terras Altas marcaba no horizonte as súas liñas rectas o castelo de Trives."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.145-146

 

domingo, 21 de febrero de 2016

Espichado de frechas

"O de Tábora, cravando os ollos cheos de odio nos do rei, preferiu a morte a salvar a vida nunha indigna escravitude en galeras polo que, á sombra da sobreira, co lazo ao pescozo morreu pendido das súas polas.

  Ensanguentado, esgotado e espichado de frechas, descendía pola saia da Batundeira o de Río Santos co corpo inerte do seu salvador en brazos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.144

sábado, 20 de febrero de 2016

Aos pés dunha enorme sobreira

"Avisado pola súa rede de espías, o moncarca levantara o cuartel e dirixírase con urxencia á Batundeira encabezando as súas hostes cos esperanza de frustrar aquela desfeita, cando se atopou con Nemeto e Brais, que ían ao seu encontro.

  O rei, advertido das súas identidades, convidounos a seguilo naquela campaña colmándoos de gratitude polo seu aguerrido xesto.

  Dacabalo o soberano informaba do engano maquinado polos seus inimigos para acabar coa vida de tan nobre cabaleiro. Aos pés dunha enorme sobreira que en Velle imploraba coas súas ramas ao ceo para alcanzalo, os Luiseca, familia do de Tábora, depositaran un cofre coa intención de que alguén o atopase, cuxo contido era un puñal e un manuscrito no que se denunciaba que con aquela daga deran morte a unha viúva, engadindo que aquel que abrise a arca tería a obriga de denunciar o crime para dar oportunidade de facer xustiza aos descendentes da vítima."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.142

viernes, 19 de febrero de 2016

Todas as cavernas

"Había pouco que puxeran os pés nas terras do Orcellón cando alcanzaron as Adegas, na intersección do Porto de Eguas e Caldas de Partovia. Ante os seus ollos abriuse unha paraxe extraordinaria: ladeiras peladas nas que apenas medraba algún rexo piñeiro, pavimentadas de enormes moles de pedra redondeadas pola acción dos séculos. Breves fentos facían por furar o alicerce daquelas inmensas rocas buscando a auga baixo a terra, mentres lacónicas xestas se erguían solitarias entre pedregais.

  No medio daqueles penedos que en ocasións parecían graciosamente sostidos na nada, a natureza soubera construír covas naturais por cuxos subterráneos o caudal do río Arenteiro buscaba saciar a sede do Avia. (...)

  A feiticeira coñecía todas as cavernas das Adegas xa que, de natural, se sentía atraída polos antros escuros."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.135/137

jueves, 18 de febrero de 2016

A súa prezada memoria

"Ambos os dous amigos estaban realmente impresionados polo fondo sentido relixioso daquelas xentes cando, ao chegar a comitiva a unha viravolta coñecida como Socastelo, camiño da igrexa de santo Estevo, un irreverente grupo de xudeus comezou a facer escarnio dos católicos asoballando aos penitentes e burlándose dos símbolos cristiáns, dos curas e dos acólitos. (...)

  Brais tampouco se sentía moi feliz naquel lugar. Talvez o prexuízo de atoparse cos descendentes daquela santa cidade fundada polo relixioso Alarico o predispuxera a esperar unha conducta menos relaxada dos seus habitantes. (...)

  Xa non lles quedaba nin o recurso daquel antigo río do esquecemento, pero quen sabe se foi a forza do desexo ou o azar quen os puxo na senda que, ao cabo, os levaría a agradecer non perder a súa prezada memoria."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.133-135

miércoles, 17 de febrero de 2016

Un fervedoiro

"Cando tras varias xornadas de marcha avistaron a cidade, comprobaron que xa nada tiña que ver co seu fundador. Cunha sólida muralla soportada por contrafortes e gornecida con moitas torres e troneiras, Allariz só era accesíbel pola porta da Rúa Nova tras a que había que franquear o túnel de augada.

  Brais observaba marabillado aquela fermosa fortaleza cun perímetro duns mil cen metros na que se sucedían defensas, foxos e torres, especialmente a da homenaxe situada ao redor dun lenzo na praza dos Brancos. (...)

  O núcleo urbano englobado nas murallas era un fervedoiro de artesáns, mercadores, esmoleiros e tolleitos que pululaban de aquí cara a alá cubertos de farrapos e suciedade prometendo bula e penitencia redimida a quen lles fixese a caridade."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.130-131

martes, 16 de febrero de 2016

Sangue, suor e viño

"Ouvindo un viñateiro o desexo de Nemeto de probar o mosto, convidouno a entrar na súa adega para que confirmase a bondade do Ribeiro. (...)

  Un xentío acurralouno facendo caso omiso ás protestas do raparigo que proclamaba a súa inocencia, encerrándoo na casa da Inquisición. A súa sorte estaba cantada: sen xuízo nin defensa, ao inocente axustizaríano as xentes de Ribadavia ao amencer. (...)

  -Non cabe dúbida de que esta é terra de sangue, suor e viño-meditaba Nemeto intentando atopar sentido ao sucedido-. Mellor vamos á vila de Alarico, que aló seica son algo máis cristiáns."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.129-130

lunes, 15 de febrero de 2016

As cores da terra

"No ceo de Ribadavia a alba descorría a escuridade da noite deixando ver as cores da terra. En canto o máis tímido raio do Sol iluminou a súa retina, o galo comezou a cantar anunciando o novo día. (...)

  -Madrugas, Pedro -espetoulle elocuente e sarcástico o de Ribadavia ao excrego-. Madrugas. (...)

  A contenda rematou finalmente co apresamento de Sarmiento e do abade de san Clodio.

  Á alba do día seguinte, Álvarez de Soutomaior ordenou a execución do nobre don Diego. Despachado o aristócrata, á vez que lle colgaban unha restra de allos ao pescozo, ordenou cabalgar ao abade de san Clodio a lombos dunha mula, batendo don Pedro coa súa espada até manar abondosa sangue do costado do crego."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.128-129

domingo, 14 de febrero de 2016

De súpeto en esqueletos

"Cando todos os habitantes de Ribadavia daban a cidade por perdida, xurdiu o Pai Xoán. O monxe conxurou ao veleiro anulando o meigallo, mentres os mariñeiros emerxían sobre a cuberta e caían mortos mudando de súpeto en esqueletos. (...)

  Logo de convidalos a someterse polo seu ben á autoridade da Condesa de Ribadavia, o Pai Xoán abandonou a vila para entregarse á oración en soidade. (...)

  Nin clero, nin pobo nin nobreza se sometían á autoridade da xuridisción da condesa. Ante tal desorde, dona Mencía, señora de Ribadavia, requiriu a presenza do seu sobriño Pedro de Soutomaior para que impuxese a orde na urbe."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.126

sábado, 13 de febrero de 2016

Viño do inferno

"As montañas alzábanse insolentes naquela paraxe cuberta dun verde manto de viñedos, entre os que florecían redondos penedos erosionados, cando as súas miradas perplexas puideron admirar a beleza do val no que se protexía Ribadavia. (...)

  E así sucedeu de maneira que, tras bordear a costa do Atlántico, o barco puxo proa cara á foz do Miño para remontalo. (...)

  O paso do galeón, que traía nas súas adegas unha carga de viño do inferno, debíase a que o demo buscaba desprestixiar os viños do Ribeiro.

  A súa chegada a Ribadavia sementou o caos. Mentres uns se axeonllaban nas rúas suplicando a intervención divina, outros se encerellaban en liortas por ser os primeiros en cruzar as angostas ruelas da xudaría para gañar a ponte que cruzaba o río xunto ao convento dos franciscanos e fuxir a refuxiarse na Torre de Sande.

  Outros, gorecidos tras o lenzo do castelo dos Sarmiento, agardaban temorosos o máis fatídico desenlace."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.125-126

viernes, 12 de febrero de 2016

Tal bebedela

"-Creo que é hora de liscar-asegurou o coloso ao que a inactividade lle comezaba a pedir guerra-. Din que aló polo Ribeiro hai unha lea con non sei que reis e que viños. (...)

  Na cela do abade de san Clodio, que este lle cedeu de mala gana por consideralos ocupantes indignos, mentres o militar estaba convencido de que o seu principal rango non admitía estancia menos humilde. (...)

  Cando Nemeto e Brais alcanzaron a ponte da Esperela, un continxente de ingleses cortoulles o paso para asegurarse de que non fosen simpatizantes do duque de Lancaster. (...) Tras un superficial e monótono interrogatorio, franqueáronlles o paso deixándolles vía libre cara á beira do Avia. (...)

  Camiñando dubitativos, foron dar coa ponte das Poldras, desde onde se vían cheas de anguías zigzagueando polo río. (...)

  O frustrado aspirante enviou un correo ao seu fiel xeral para comunicarlle a orde de retirada. Cando a tropa inglesa acantonada naquel paraíso de viñedos soubo do mandato, non dubidaron en entregarse ao viño collendo tal bebedela, que tardaron máis de tres días en recuperarse."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.123-125

jueves, 11 de febrero de 2016

Un cadáver

"Na ribeira de Larouco vivía un home túzaro e esquivo que, a dicir das xentes, era nativo do lugar mais de mozo marchara a percorrer mundo e que agora, xa ancián, regresara ás Terras Altas para levedar no seu lagar aquel curioso caldo cuxo destinatario era exclusivamente o cura xa que, a dicir de quen cataban o resto da produción, non facía absolutamente nada. (...)

  O tempo transcorreu sen que os presentes esquecesen aquela visión cando, un día, se desencadeou unha intensa tormenta no nacente do río  Navea sen que nada máis en particular sucedese. Pero pasados dous días apareceu en Montefurado un cadáver que resultou ser dun veciño de Casteligo. (...)

  Cheo de terror correu cara á aldea como alma que leva o diaño para confirmar aos seus convenciños a terríbel nova e, como non hai segredo onde demasiados saben, pouco tardou en chegar aquel episodio a ouvidos das autoridades.  De modo que cando o conde de Lemos e o abade de Montederramo enviaron aos seus homes de armas a pescudar, tanto o crego como o montaraz viñateiro se desvaneceron sen deixar o máis mínimo sinal de existir."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.121-123

miércoles, 10 de febrero de 2016

Unha cadela grande en celo

"Malia a brutal conduta do conde de Trives, Nemeto e Brais aínda non actuaran contra el en todo aquel tempo. Intentaban convencer aos aldeáns da conveniencia dunha insurrección, mais o terror que infundía o seu só nome era tal que os seus vasalos rexeitaban calquera intento de sublevación. (...)

  Mais o antigo pastor non esquecera cobrarse vinganza e regresara ás Terras Altas con ese único propósito. (...)

  O antigo pegureiro encomendoulles que buscasen unha cadela grande en celo. Con iso sería dabondo. Cando sen demora lla entregaron, agordou á seguinte noite para tomar o camiño cara ao castelo de Trives. (...)

  Nesa confusión, aproveitou o vingador para prenderlle lume á torre."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.116-119

martes, 9 de febrero de 2016

Prender ao desgraciado

"Mentres tanto, o gobernador de Trives ordenaba aos seus secuaces derrubar a porta dunha das chozas onde se acubillara unha familia da veciñanza. (...)

  Avisado do frustrado intento do aflixido mozo, o prócer de Trives ordenou prender ao desgraciado. Pero Brais non podía consentir que aquela terríbel historia se cobrase nin unha vítima máis e, resolto a facer xustiza, ocultou tras dunha pena ao pastor, practicando un oco cuberto de matogueira. Algo aprendera da terríbel batalla do Medulio."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.113-114

lunes, 8 de febrero de 2016

Co malvado conde

"-Non lle deas máis voltas, raparigo- respondeu o fabuloso guerreiro cun fío de voz entre risas mentres intentaba manter a compostura-. Se debemos baternos co malvado conde de Trives, non todo han de ser queixumes. (...)

  Sostiñan que non había en toda a comarca personaxe máis cruel que o conde de Trives, quen posuía un can adestrado para a guerra que encirraba contra os seus vasalos. Tan feroz era a besta que o seu propio amo o bautizou co nome de Demo. (...)

  Con tan fero gardián, axiña o señor de Trives descubrira as súas posibilidades para atemorizar e gañarse a submisión dos seus servos. (...)

  Pero o patricio tivera a prudencia de apostar aos seus homes ao redor da vila para evitar calquera fuga, e estes decontado reuniran a todos os aldeáns na praza da picota, cominándoos a aumentar os tributos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.111-112

domingo, 7 de febrero de 2016

Até o esgotamento

"De camiño pasaron polo feudo de dona Chama. O xigante xa ouvira falar daquela insaciábel muller, capaz de satisfacer ao máis vigoroso semental. E en fames andaba Nemeto que a última vez que catara femia fora en Velle, cando puido gozar dunha moza da tribo dos Falos ao achegarse á capital, pouco antes da toma do castro ao carón do Duio polos nerios.

  Non é que a moradora de Velle se correspondese co tamaño do xigante. En realidade, a imaxe de ambos os dous entregados era dantesca.  Nemeto, coa súa enorme estatura, parecía ao seu lado un asaltador de berces, pero aproveitara unha femia daquela tribo cuxos homes tiñan un atributo tan desproporcionado, que tras ficar con elas, quedáballes o corpo tan folgado que ningún mortal común era xa quen de enchérllelo, polo que aquela aldeá se prestou a que o xigante a fartase coa súa colosal arma até o esgotamento."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.109-110

sábado, 6 de febrero de 2016

Fronte ao seu malvado gobernante

"Certa tarde en que compartían un queixo entre os tres, o santo home preveu a Nemeto contra o abuso de moitos nobres facéndolle prometer que faría o posíbel por remediar a situación dos habitantes de Trives se nalgunha ocasión podía aproximarse a aquelas terras. (...)

  Brais aínda non terminaba de crer que un home tan beatífico puidese conter tanta ira no fondo da súa alma. Polo que a el concernía, fora un home bondadoso que até lles implorara que fixesen xustiza ás xentes de Trives fronte ao seu malvado gobernante."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.107/109

viernes, 5 de febrero de 2016

Un home santo moraba na Serra

"E aproveitando que o tempo era propicio, Nemeto e Brais colleron as súas cabras e conduciron o seu fato aos pasteiros da Serra da Queixa, onde o rigor da natureza reservaba o lugar de visitantes indesexábeis. (...)

  Os pastores indicáronlle que o propietario daqueles contornos era o mosteiro de Sobrado onde non o acollerían tratándose dun convento de relixiosas mais que, de continuar a viaxe, chegaría ao de Montederramo onde seguro o aceptarían. (...)

  Non tardou moito tempo en estenderse a nova de que un home santo moraba na Serra e os veciños comezaron a contribuír no seu sustento, malia a súa austeridade."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.105-106

jueves, 4 de febrero de 2016

A rexión onde dera a luz ao seu fillo

"Co corazón con aquela xenerosa e humilde xente que lle brindou acubillo, a rexente partiu co seu séquito cara á corte, e unha vez que chegou a tomar posesión do cetro, regresou á Serra da Pena onde tan hospitalariamente a acolleran. (...)

  Deste xeito, a raíña, en gratitude, fixo renacer a rexión onde dera a luz ao seu fillo para que no futuro, rei ou plebeo, a coñecesen como Couto Mixto. (...)

  E unha vez cumprido o foro, a soberana abandonou o Couto Mixto para gobernar o resto do seu señorío desde a corte."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.104-105

miércoles, 3 de febrero de 2016

Aquel territorio...

"Repostos, alimentados e descansados, ao día seguinte ambos os dous amigos despedíronse dos veciños do lugar tomando a dirección de Baltar pola ruta de Meaus.

  Aquel territorio comprendido entre Baltar e Calvos de Randín, composto por Rubiás, Meaus e Santiago, parecía un lugar aparte no mundo. As súas xentes eran sinxelas, amábeis e hsopitalarias. (...)

  Coa única facenda dun cabalo, a muller baixara soa a Serra da Pena cando, baixo unha copiosa nevada, entrara en dores de parto."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.102-103

martes, 2 de febrero de 2016

Un marabilloso menciñeiro

"-Tes a espiña caída- asegurou o coloso-, seguro que é iso. Tomaremos a dirección de Rubiás, din que aí vive un marabilloso menciñeiro que cha levantara.(...)

  Cando a mañá seguinte chegaron a aldea de Rubiás, atoparon ao curandeiro sentado baixo os pórticos da praza maior ofrecendo os seus servizos á beira dun fleboticario.

  Mentres o segundo se afanaba en arrincar os dentes á súa clientela para aliviarlle a dor de moas, o sandador curaba aos propios do mal da espiña."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.97/99

lunes, 1 de febrero de 2016

Abade do mosteiro

"Co tempo fixo votos sendo elixido abade do mosteiro de Oseira á vez que a súa nova condición e o poder e comodidade que lle proporcionaba, ían borrando da memoria o purgar os seus pecados de mocidade. (...)

  -Seica vós non sodes fidalgo?- preguntou retórico o xigante-. Seica non ostentades o título de Conde de Oseira?"

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.92/96