"Deulle unha patada a unha lata de refresco e un neno celebrou a estridencia batendo as palmas. Seguino a escasa distancia e sen que se decatase. Tiña a conciencia tan limpa coma un vertedoiro.
Cruzou o Progreso e tomou a Avenida de Pontevedra. Antes de que gañase os soportais que circundan a Praza Maior deixeille un recado.
-Hai unha cousa que non está clara -dixen-. Non creo que se montara todo este pifostio por escoitar a Sonia Bouzas botando un casquete. Polo menos faime un pouco de auga na boca. (...)
O sol prendía mecha no ceo, mais a figura de Porter perdéndose pola Barreira adiante lembroume a dun can orfo baixo a choiva."
Diego Ameixeiras, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006. Páx. 192-193.
No hay comentarios:
Publicar un comentario