viernes, 17 de julio de 2020

Vixilante nocturno

"-¿Como se chama o seu home?

-Gonzalo Casasnovas.

-¿Traballa?

-É vixilante nocturno nas obras do Centro Comercial Milenio, o que están a contruír a carón do Parque Miño. Pode levar a foto con vostede, se lle resulta útil."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 17.

jueves, 16 de julio de 2020

Abdominais coma tixolos

"O seu marido. A cousa empezaba a poñerse interesante.

-Desapareceu da casa hai cinco días e sospeito que ten algún asunto cunha pendanga. Gustaríame que o localizase.

O home de Sonia Bouzas parecía sacado da primeira plana dun número especial da Muscle & Fitness. Era un tremendo mazas cos abdominais coma tixolos. Sentáballe ben tomar o sol na Praia da Antena, cervexa en man e facendo o sinal da vitoria."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 16.

miércoles, 15 de julio de 2020

Oes

"Porter quedou un bo cacho en silencio, como sopesando para si o diámetro do pigmento.

-Oes, deixa entón o das cervexas. Teño que ir pola redacción. Seica apareceu un ionqui degolado na Chavasqueira e xa van tres en dúas semanas. Queren que faga unha reportaxe sobre o tema. ¿Vémonos pola noite no Auriense?

-Espero que non. Ademais, ti sempre rematas no Barbarela."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 15-16.

martes, 14 de julio de 2020

Miss Agosto sorriu

"-Permítame que o convide, señor Dopico.

A loura embutíase nuns vaqueiros mínimos e cubrira a dianteira cunha camiseta branca apertadísima na que se podía ler: Who the fuck? Vaia sorpresa.

-Moitas grazas, señora -entusiasmeime-. ¿Como sabe vostede o meu nome?

Miss Agosto sorriu.

-Preferiría explicarllo sentados tranquilamente nunha mesa, se  non lle importa. Chámome Sonia Bouzas.

-Eu son Dopico. Horacio Dopico. E por suposto que quero que me explique moitas cousas."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 13.

lunes, 13 de julio de 2020

A imaxinación é un músculo, seica

"Doíanme os cadrís de estar moito tempo deitado, mais fixen o esforzo sabedor da refrescante recompensa que me agardaba. A imaxinación é un músculo, seica. Ás constantes secuencias tórridas de mulleres libertinas que imaxinaba a granel por Oira adiante, tiña que engadir agora a instantánea real de Miss Canícula enfundada nunha espesa película de Coppertone. A loura con carne de vicios caros só levaba enriba un conciso tanga de cor negra perfilándolle a regañeta. O resto era carne do país, pública e de calidade."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 12-13.

domingo, 12 de julio de 2020

Unhas lombeiradas colosais

"Porter tivera a xenial idea de pasar a tarde nas piscinas de Oira e traizoar as longas sonecas deitados na Praia da Antena, pero alí non se paraba nin á sombra dos ameneiros. Uns rapaces xitanos, todos moi fibrosos e bronceados, andaban ás carreiras preto das nosas toallas e logo pegaban uns chimpos tremendos, escachando de risa. Algúns corrían coma condenados ata a piscina e tirábanse en prancha, pegando unhas lombeiradas colosais."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 12.

sábado, 11 de julio de 2020

Unha sufocante tarde de agosto

"Era unha sufocante tarde de agosto en que os termómetros superaban os corenta e tres graos á sombra. Seica estaba ardendo preto de Velle. A loura pneumática non deixaba de mirarme, tiña a gorxa seca e aínda por riba os tabáns andaban medio deshonestos. Non me sentía nada católico. O verána atacaba con virulencia e nos últimos tres días a cidade convertérase nun forno insoportable."


Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 12.

viernes, 10 de julio de 2020

Altas temperaturas

"Todo empezou cunha calor asfixiante e cunha loura perigosa que non deixaba de mirarme con cara de vicio. Daquela abandonara a mala vida por imperativos médicos, máis non podía impedir que o resto da miña existencia se reducise a un estado de sede permanente. Aquela muller transmitía tanta carnalidade que con só mirala aos ollos pareceume respirar a gozosa fragrancia dunha barbacoa.

-Esta tía estame buscando. Non aguanto máis.

-Xa che dixen que hai que manter a calma, Horacio. (...)

-Esas tetas non son deste mundo -proclamei.

-Digamos que as dúas son da Cruz Alta. Téñoas visto polo barrio cando vou cumprir coa Charo -corrixiume Porter."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 11.

jueves, 9 de julio de 2020

O cidadán do mes (2006) de Diego Ameixeiras

Ed. Xerais, 1ª edición, xaneiro de 2006.
O punto de partida de’ "O cidadán do mes" é o electrizante encontro entre o detective Horacio Dopico e Sonia Bouzas, unha escultural e voluptuosa muller que busca o seu marido, un vixilante nocturno desaparecido misteriosamente. O caso non ofrece demasiadas complicacións e o detective acepta o traballo, mais Dopico non sabe que deberá moverse con moita precaución nunha complexa intriga onde a dobre moral e a corrupción non son patrimonio exclusivo da clase política. O seu instinto, varios litros de whisky, unha sorna punk cultivada a conciencia nos arrabaldes de Ourense e unha Smith & Wesson, acompañarán ao detective nunha historia na que conviven sexo, violencia, drogas e rock and roll, aínda que o realmente importante é que estamos en agosto e Horacio Dopico non tolera nada ben as altas temperaturas.

miércoles, 8 de julio de 2020

N.Y.

My City, my beloved, my white! Ah, slender,

Listen! Listen to me, and I will breathe into thee a soul.
Delicately upon the reed, attend me!



Now do I know that I am mad,
For here are a million people surly with traffic;
This is no maid.
Neither could I play upon any reed if I had one.



My City, my beloved,
Thou art a maid with no breasts,
Thou art slender as a silver reed.
Listen to me, attend me!
And I will breathe into thee a soul,
And thou shalt live for ever.

Ezra Pound.

martes, 7 de julio de 2020

Dedicatorias

Hai unha dedicatoria que só agora ouso dicir e ata debería sobrar por evidente. Pero haberame de sentar ben escribilo aquí:

Xa ningún libro é posible en Serenou sen que nel, en presencias dispares pero necesarias, asome a figura rotunda de Otero Pedrayo, dándonos luz e disciplina.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 153.

lunes, 6 de julio de 2020

Anotacións finais a "Contra Serenou"

"Esa intolerable ringleira de nomes e nomes ( que máis parece unha guía telefónica que nada) que teño introducido no poema SERENO, ARRUINADO POLA ASMA, INVOCA ANTANO ÁS PORTAS DA CIDADE, e que eu tamén eludirei en posteriores lecturas, representa tan só certa perversa trastada coa que me propuxen rir, ó me pertence-la chulería de soñar cunha Santa Compaña de bispos e tahures, monseñores e putas, macarras e señores de levita, todos xuntos no prostibulario que a certas horas da madrugada -como tal aquí- é o Serenou que eu reconozo e que me ten.

Se cadra fora millor poñelos a todos nun plano xeneral contrapicado. Pero o cinematógrafo é máis caro.

Só os títulos dos poemas que non van entrecomillados me son propios conscientemente.

O resto da titulación pertence a:

Na inmensa maioría dos casos, roubos á obra de Ramón Otero Pedrayo. (Tería que destacar que gran parte deles foron traducidos ó galego do seu libro Orense, da colección "Obradoiro" de Bibliófilos Gallegos.

O resto dos títulos pertencentes a Otero, están recollidos de Os camiños da vida, A Lagarada, e diversos escritos publicados por Galaxia.)

(...) O título do poema adicado a Juan de la Coba está tomado do seu propio autoeloxio, co que introducía sempre as pezas de teatro das que era autor, e das que non me resisto a deixar de dicir rótulos de tanta envergadura como La Trampitana, Moros pertinaces ou El Grito de la Ley.

Por únicas razóns corazonais optei por Wurm see na condición orixinal de Serenou, en vez da Auria latina.

Non hai máis consideracións que as de saberme máis perto de "auga quente" que do "ouro", lamentablemente..."

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páxs. 149-150.

domingo, 5 de julio de 2020

Pero ó fondo escoito Chopin Polonesa en La bemol, op. 53

Só queda desta música
                       o restante.

¿Será alcanfor os días lexendarios?

No silencio que queda,
                         do que queda,
                              estar aquí e amar
                          como na orixe.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 145.

sábado, 4 de julio de 2020

¿Balada polas damas de antano?

 "Pois tamén houbo unha inspiración burguesa e ata económica no tempo do romanticismo, na literatura da derradeira inspiración. A Bertha era unha burguesiña..."

Ramón Otero Pedrayo

Agora empreñan fillos,
                         son felices,
incluso engordan aproximadamente.

Pero elas e nós,
                                                        en maxestáticos ontes coroados,
soubemos ser terribles e fermosos,
humanos deica a sordidez e a púrpura...

¡Que lástima as alcobas!
Tanto dado
e nin sequera exercen a melancolía.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 113.


viernes, 3 de julio de 2020

Compría facer certa confesión e faise

"¿Onde andará o mundo de a penique que merquei para comelo con Pipit tras da mampara?

T. S. Eliot

Ese de aí son eu
andando polos trece.
Detrás estaba Italia ou Serenou.
                               Non lembro.

Á esquerda a bicicleta,
               un tren eléctrico,
           mamá na mecedora, 
e a miña prima Elvira que de cursi
parécese ó seu propio canesú...

Todo moi mono.

¡Ahhhh!

O album familiar convenlle un truco.
Miralo do revés
(poño por caso)
Cecais adivinaras
que Elvira e eu,
                mamá,
xa tiñamos nos ollos
unha importante memoria pornográfica.

Pero iso
só se nota por detrás da foto.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 131.


jueves, 2 de julio de 2020

Residencia dun pretor

"De toda a vida, o meu color preferido é o beis, e é o que levo decote.
Despois gusto do negro. Despois do branco, e finalmente o roxo. Tódolos roxos."

      Norma Jean Baker (Marilyn)

"Parece añorar delicadas frivolidades e sotís tentacións..."

      Vicente Risco

Cando eu era
                     por Norma
decadente
e gustaba ás señoras,
o uso moderado de satisfacelas
sempre deu resultado.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 113.


miércoles, 1 de julio de 2020

Todo aparece categorizado na embriaguez do argumento

       "...dise que ocultas nun sobrado, por medo ó roubo nos días de perigo e olvidadas, salvounas da                  escoba a casual visita do arqueólogo..."

                           Ramón Otero Pedrayo

Direi mil veces puta,
quedaremos aquí,
exercitando a danza dos regresos.

Consagrados os ollos a perder,
perdido todo xa.
Agardando que chegue a policía
para alegar derrota
                                                 e esta incurable inclinación
                      ó crime:

ó fin, a morte é un can
e os cans non minten.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 111.