miércoles, 30 de septiembre de 2020

Unha bomba

 "-Antón Regueira formaba parte dun grupo que andaba pegando tiros na Ribeira Sacra. Non sei se matarían algún guía, pero podo asegurarche que o intentaron varias veces.

-¿Por iso o mataron? ¿E ti pretendes que eu denuncie a Guerra Sucia contra o GIA? Estás tolo. O Bombilla convidounos a unha mariscada cando lles rebentou unha bomba nas mans aos dous tipos aqueles do Comando Cualedro."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 129.

martes, 29 de septiembre de 2020

Unha boa pista

 "-Creo que teño unha boa pista que che podería axudar co asunto dos asasinatos da Chavasqueira.

-Ah, ¿si? Non me digas. Sorprendeme."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 129.

lunes, 28 de septiembre de 2020

Dous cafés

 "O Bombilla consentiu de mala gan que Porter se ausentara durante uns minutos para falar comigo. Baixamos ata o Latino e pedimos dous cafés.

-Este café ten moita escuma-protestou-. Parece que lle botaran enriba un lapo.

-Pago eu, non te preocupes.

-A ver, cóntame iso tan importante que me tes que dicir. Dentro dunha hora teño que ir á Praza Maior reclamar paz, liberdade e estatuto."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 129.

domingo, 27 de septiembre de 2020

Un café

 "-Bos días -dixen ao tempo que me sentaba na súa mesa.

-Malos. Ultimamente son sempre malos. ¿Que carallo fas aquí?- Porter metía medo.

-Quero falar contigo dun asunto. Convídote a un café no Latino."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 128.

sábado, 26 de septiembre de 2020

Lentes de pasta negra

 "O director do semanario chamábase Mauricio Ruiz, un tipo con cara de bombilla fundida que gastaba lentes de pasta negra, licenciado en Historia -aínda que nunha ocasión, na súa columna da contraportada deixara escrito para a posteridade que a Lenin o matara un tal Ramón Mercader- e alma máter do semanario tras varios anos á fronte da redacción deportiva da Tele Barbaña."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 127.

viernes, 25 de septiembre de 2020

Un fabuloso estrondo

 "Cada coche enfiou o seu camiño cando chegamos ás inmediacións do barrio das Lagoas. A cidade estaba deserta. Nese momento o carro do Regueira voou polos aires provocando un fabuloso estrondo. Por sorte gardara unha distancia prudencial e non me caeu enriba ningún cascallo. Alguén colocara uns explosivos nos baixos do vehículo. Noutras palabras: a aburrida loita continuaba."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 126.

jueves, 24 de septiembre de 2020

Os ouveos do can

 "Os ouveos do can seguían consumindo a noite a dentadas e nun monte ao lonxe adiviñei as lapas doutro vigoroso incendio. Puxen algo dos Bellrays, prendín un cigarro e arrinquei o coche. Seguín ao Regueira ata a entrada da cidade un tanto distraído, pensando en tempos mellores. Non era a primeria vez que unha muller como Sonia Bouzas me mentía, pero recoñezo que me inquietaba o xogo a varias bandas porque seguía sendo da opinión de que a experiencia nos fai máis vulnerables e bastante máis parvos."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 125-126.

miércoles, 23 de septiembre de 2020

Devagar

 "Seguino ata o Posío, montou no coche e dende alí iniciamos un instrutivo traxecto que nos levou pola estrada de Ponferrada. Eu conducía devagar o meu coche de aluguer deixando que o Regueira se arredara, mais sen perdelo de vista. Ía unha noite perfecta para procurar acubillo no Auriense escoitando a Jeff Buckley -Last goodbye, por suposto-. Chegamos preto da Derrasa e o Regueira minorou a velocidade."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 119.

martes, 22 de septiembre de 2020

Un antro bastante acolledor

 "Parei varias noites no Albaroke. Era un antro bastante acolledor preto do Posío, unha magnífica tobeira para espíritos felizmente descarreiriados. Regueira non aparecía, así que unha de dúas: ou andaba ciscado pola calor ou abastecérase por unha boa tempada."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 117.

lunes, 21 de septiembre de 2020

A man dereita

 "-Terei que volver falar con Ricardo Pazos -pensei en voz alta-. Xa lle dixen que agora traballa de garda de seguridade no Centro Comercial.

-Non o faga. Ricardo é perigoso. Un tipo frío e calculador, a man dereita de Sousa. Non conseguirá nada con el, advírtollo. Se cadra con Antón Regueira ten máis sorte."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 114.

domingo, 20 de septiembre de 2020

Non moi segura

 "-Non me entendeu ben, Horacio. -Basuco fixo unha pausa e colleu aire-. Nós xa traballamos para Sousa. A súa construtora levantou unha urbanización de luxo en Mariñamansa. Os pisos non se vendían porque a xente comentaba que a zona non era moi segura."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 113.

sábado, 19 de septiembre de 2020

Coa leria

 "-(...) Unha noite apareceu Ricardo coa leria de que nos pagarían moito máis se formabamos unha banda e nos enfrontabamos aos comandos do GIA da Ribeira Sacra. Aquilo pareceume moi perigoso para min, xa que eu formara parte dun grupo de apoio e era moi coñecido no ambiente. Así e todo, aceptei. Era moito diñeiro.

-Entendo que Sousa pensara en financiar a Guerra Sucia porque lle debía favores ao Concello, pero non que pensara en vostede ou nos seus empregados para formar a banda."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 113. 


viernes, 18 de septiembre de 2020

Medo no corpo

 -(...) Alguén do oficio comentoume que andaba recrutando xente para facer uns traballiños por Mariñamansa, así que aceptei. Non tiña elección. O choio consistía en meterlle o medo no corpo a algúns balas perdidas que paraban nun solar preto dunha urbanización de luxo que se acababa de construír. Persoalmente, nunca pasei dalgún disparo ao aire, mais algúns dos meus compañeiros colléronlle gusto ao xogo e mallaban nos fulanos por simple diversión."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 112.

jueves, 17 de septiembre de 2020

Aparentemente de fiar

 "-(...) Alguén aparentemente de fiar dime que vostede traballou con el, por iso estou aquí. ¿Seguro que non coñece a Gonzalo? Traballaba de vixilante nocturno con Ricardo nas obras do Centro Comercial Milenio.

Basuco colleu aire.

-Non o coñezo, mais sentín falar del. Unha boa peza. É vostede un tipo afortunado. ¿Quere que lle conte unha boa historia?"

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 112.

miércoles, 16 de septiembre de 2020

Nas montañas

"Eu sabía toda esta historia por algunhas noites pasadas con Marina e Roi, mais o que non acababa de cadrarme era a súa relación con Sousa. Custábame imaxinalo a tiros cos comandos do GIA nas montañas da Ribeira Sacra, e moito menos convertido nun mandado do construtor."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 107. 

martes, 15 de septiembre de 2020

Media cidade

 "E supoño que era certo. Anos atrás, Basuco presentárase na cidade disposto a mudar de vida. Contaban que traballara un tempo nun taller mecánico da Estrada da Granxa, mais ao pouco convertérase nun dos habituais mercadeando perico pola Praza de San Marcial. Todo o mundo sabía que tempo despois alugara un piso na Rúa dos Fornos, dende onde abastecía a media cidade."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 106.

lunes, 14 de septiembre de 2020

Os chourizos

 -"Vaia ao primeiro andar do número sesenta da rúa de Reza e timbre tres veces. Lévelle isto. Que tome unha pastilla pola noite antes de durmir.

Os chourizos tiñan un aspecto fantástico.

-Así o farei.

Xa me encamiñaba pola Avenida de Zamora adiante cando Rosa chamou por min. Dei a volta e desandei o traxecto ata a tenda, mais a muller encargárase de aforrarme o traballo correndo cara min."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 106.

domingo, 13 de septiembre de 2020

A tenda

 "A tenda estaba completamente baleira, ningún cliente podía interromperlle o labor. O local non destacaba pola súa luminosidade. Entrara medio atordado naquela tenda de ultramarinos da Avenida de Zamora sabendo que, por moito que me esforzara,  as posibidades de atopar alí a Basuco eran mínimas. O baixo do edificio acollía o establecemento e a pensión ocupaba o primeiro andar."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 103.

sábado, 12 de septiembre de 2020

Pola Virxe dos Remedios

 -"Deixa iso, pola Virxe dos Remedios. ¿Somos amigos,  non si? Se podo botareiche unha man, pero que saibas que non podo asegurarche nada. Algunha xente do ambiente di que Basuco morreu hai anos no Couto Mixto, mais tentarei sacarlle algo en limpo a algún naipelo do GIA. Teño moita calor, imos aí fóra."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 99.

viernes, 11 de septiembre de 2020

Unha mordedela

 "O certo é que alí, por fin, colliamos perfectamente. Achegoume unha man á boca e deille unha mordedela pensando nos réptiles de Miss Chispatown. Charo non paraba de abanear a queixada. Estaba pálida coma o leite, mirándome cos ollos de caixeira que tamén sabe mirar de home a home."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 97.

jueves, 10 de septiembre de 2020

Pecados

 "A cidade estaba tranquila e parecía satisfeita cos seus pecados. Tomei unha cervexa e cheguei ao Rock Club co ánimo anovado. Porter inxería cubatas con esa avidez tan característica dos xornalistas con problemas de autoestima."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 95.

miércoles, 9 de septiembre de 2020

O pé do acelerador

"-Paulo é un bo tipo, Marina. Coido que podemos ser grandes amigos. Roi estaría moi orgulloso se puidera comprobar o ben que fala. Parece un libro aberto. ¿Levádesme ao Couto?

Chegamos á cidade no tempo en que un bebedor de fondo baixa unha cervexa con gasosa. Marina conducía como unha auténtica perturbada. (...) No entanto, antes de trazar as primeiras curvas que anunciaban a entrada en Barrocás, Paulo e mais eu tivemos que implorarlle a Marina que levantase o pé do acelerador, non fora ser que a nosa defunción coincidise cun atentado do GIA ou cun dos mortos de Porter."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 94. 

martes, 8 de septiembre de 2020

Vía libre

 "-Os terreos onde se está construíndo o Centro Comercial Milenio foron recualificados polo Concello -dixo-. Estaba considerado zona verde, mais o Partido Estatutario modificou o Plan Xeral de Ordenación Urbana e deulle vía libre a Sousa. (...)

-(...) Os activistas do Comando Peares din que ten algúns homes que andaron a tiros cos nosos na Ribeira Sacra."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 93.

lunes, 7 de septiembre de 2020

Imposto revolucionario

 "-Un inimigo do pobo -empreguei a súa termioloxía-. Empresario, triunfador, íntimo do alcalde e membro do Foro pola Democracia. Preside Construcións Sousa e está enchendo os petos levantando o Centro Comerecial Milenio, un verdadeiro atentado urbanístico e ecolóxico no corazón da cidade, ¿non si? (...)

-Déixate de lerias, Paulo. Non me negarás que Sousa está ameazado polo GIA. Só fai falta dar unha volta polo Centro Comercial e ler algunhas pintadas. ¿Paga o imposto revolucionario?"

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 91.

domingo, 6 de septiembre de 2020

Só silencio

 "Non se escoitaron himnos nin ondearon bandeiras, tampouco houbo palabras solemnes nin discursos prometendo máis contundencia na loita. Só silencio. Ágatha, pola súa parte, non tiña ninguén para lembrarnos que, posiblemente, ela fora a única que sabía de heroísmos, mais nun plano demasiado doméstico como para ingresar nos libros de Historia. Alí quedaron soterrados os dous, devoltos á terra nun nicho bastante soleado do cemiterio de Santa Mariña. Paulo consolaba a Marina e eu consolábame a min mesmo."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 89.

sábado, 5 de septiembre de 2020

Gárdame o segredo

 "-Déchesme unha copia das chaves a última noite que nos vimos no Rock Club. ¿Non te lembras?

Pois era verdade.

-Non me lembro, xa sabes que esa noite bebín demasiado. ¿Decatouse o teu amigo?

-Es un fillo de puta, Horacio.

-Estou de acordo, mais non o publiques. Gárdame o segredo."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 84.

viernes, 4 de septiembre de 2020

Nunha curva

 "-Vaste mollar.

-Éme igual. Teño tanta sede que ata bebería a choiva. Cóntame como foi.

-Conducía Ágatha. O coche saíu nunha curva bastante perigosa que hai por Amoeiro. Exceso de velocidade.

-Esa puta... -esbardallei.

-Non deberías falar así. Están mortos, ¿entendes? ¡Están mortos! (...)

-Mañá é o enterro na Santa Mariña. Non vai haber homenaxe. Só irán algúns militantes da Vangarda Popular a título persoal."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 82.

jueves, 3 de septiembre de 2020

Varios cadáveres

 "A reportaxe sobre os asasinatos da Chavasqueira incidía na cuestión do marasmo informativo provocado "por unha sobredose de antifascismo cutre e demócratas de novo cuño". Segundo o interesante relato de Porter, no período dun mes apareceran varios cadáveres (indixentes, ionquis, mendigos) sen que a Policía Estatutaria ou a Garda Militar se decidisen a investigar con garantías."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 78.

miércoles, 2 de septiembre de 2020

Bergamota

 "Pensei en Sonia Bouzas, na serpe que se enroscaba entre os seus ombros e nas luces encarnadas que me cegaran o sentido no Gato Negro. Pensei tamén en Marina, a miña ex de toda a vida, e en Ágatha, a muller que recendía a bergamota, cardamomo e ananás fresco. Verónica sorriu, ofrecinlle cen ouros e cando se deixou facer nun portal de Portocarreiro puiden quitar da cabeza, mais só por un momento, que me parecía moi sospeitoso que Sousa non quixera encargarse directamente de Gonzalo Casasnovas."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 75.

martes, 1 de septiembre de 2020

Un caixeiro automático

 "O vehículo perdeuse con resolución polo Progreso adiante. Sentei nun banco da Alameda, permanecín uns minutos coa cabeza somerxida entre os brazos e logo dei uns pasos para divisar unha panorámica do Parque do Barbaña, que a esas horas semellaba un océano maino e silencioso en comparación co estrondo da zona vella. Tiña o lombo humedecido. As cinco da madrugada. Descendín ata a Praza de Abastos, dei un par de voltas cara a ningures e nunha esquina de Doutor Fleming atopei unha fulana á que chamei Verónica. O máis elocuente que me dixo foi que vendera o corazón de estraperlo e que no seu lugar colocara un caixeiro automático."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 75.