martes, 31 de octubre de 2017

Unha vaca con tose

"e que o pretexto consistiu en pedirlle o favor de que lle vendese dous frascos de xarope Movidaca, que tiña unha vaca con tose e sospeitaba que fora collida por unha peste súpeta que empezara había tres días pola parte de Laroá e que chimpaba os animais en menos de dúas horas, polo cuio era de razón tanto solicitar o sacrificio do señor Vilariño Dacal nun asunto de importancia semellante como atreverse a causar a molestia que el estaba causando"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 138.

lunes, 30 de octubre de 2017

Unha hora tan inadecuada

"Requirido a continuación o condenado para que ampliase ata onde puidese ou considerase conveniente o dato por el mesmo referido sobre o episodio que enfrentara ó capataz Isolino Madarro Fenández con Pedro López Sarandeses no cruce da Rúa Cega co Caleixón das Ánimas, dixo que a única ampliación que podería facer naquel momento era que el sabía de fonte segura pero secreta que o tal Pedro López Sarandeses fora o cebo preparado polas centurias da capital para que o señor boticario abrise a porta a unha hora tan inadecuada"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 138.

domingo, 29 de octubre de 2017

Voltas de madrugada

"que ata o cárcere lle chegara a el, quérese dicir ó declarante, a noticia de que aínda o xoves pasado viran ó señor propietario da Fábrica dando voltas de madrugada polas parroquias de Guntimil e Gorgoloza en busca do aludido, e que non podendo dar con el, colleran a Virxilio López Díaz, do cal lle dixeran que era amigo e compadre do buscado, e que ameazaran con matalo"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 137.

sábado, 28 de octubre de 2017

Choromicaba

"e que había ademais o dato de que o día vintecinco de xullo pola noite alguén vira ó capataz Isolino Madarro Fernández collendo polo pescozo a Pedro López Sarandeses, xusto na esquina que fai a Rúa Cega ó se xuntar co Caleixón das Ánimas, mesmo debaixo do balcón da casa do ministro do xulgado, o que o tal Madarro Fernández lle estaba dicindo unhas frases relacionadas coa participación no suceso de que se fala, as cales frases contiñan ameazas contra o individuo mentado, que choromicaba e aludía ó crime"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 136.

viernes, 27 de octubre de 2017

Aquel mesmo día pola mañá

"respondeu aquel dicindo que a noticia sobre a participación directa do señor Fuentes Iglesias nos feitos investigados lle viñera a el de testigos presenciais, concretamente dunha persoa que o visitara no seu domicilio o mesmo día do crime pola noite e que lle contou que fora xente das centurias da capital a que se presentara de madrugada na casa do señor boticario con intención de detelo ou secuestralo, e que despois fora este conducido nunha camioneta branca ata o lugar que chaman A Devesa de dona Ermelinda, onde xusto ó pé da caseta do peón camiñeiro, no medio e medio do Souto das Carochas, agaradaba o auto particular de don Andrés Fuentes Iglesias, o cal se fixo cargo do detido, trasladándoo inmediatamente ó Campo das Poldras, onde apareceu morto aquel mesmo día pola mañá"

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 134-135.

jueves, 26 de octubre de 2017

Na camioneta branca

"do cal dixo a continuación o interrogado que fora el mesmo en persoa, quérese dicir o señor Fuentes Iglesias, quen se presentara no domicilio do declarante na madrugada do vintecatro de xullo  próximo pasado, armado con pistola e acompañado dunha tropa de non menos de dez homes que o detiveron e introduciron na camioneta branca da Fábrica e o conduciron despois en dirección ó Campo da Ladeira, onde foron interceptados por individuos de uniforme militar que se fixeron cargo del e o trasladaron ata o lugar que no día de hoxe ocupa o destacamento provisional destinado nesta praza."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 127.

miércoles, 25 de octubre de 2017

Para o destrago

"e que o Fernando Gutiérrez Allegue pretendía dirixir a milicia municipal, coa cal tiña xa acordada a detención de trinta e tres persoas, entre eles o señor Fuentes Iglesias, ó cal pensaban fusilar despois na mesma Praza Maior coa asistencia obrigada de tódolos veciños, sospeitándose ademais que o tal fusilamento se faría con munición especial para o destrago."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 120-121.

martes, 24 de octubre de 2017

Unha bomba de trilita

"iniciando entón as mulleres o canto do "Ay de mí", que secundaron todos, como secundaron tamén cando Isolina Pérez Landeira conduciu en voz alta o rezo do rosario, co único incidente de que ó chegar á altura da Fonte do Corgo estaba Rudesindo González Sueiro, alias Nécora, mexando no medio e medio da praza, ó tempo que na man esquerda mostraba un bote de pementos morróns que el dicía que era unha bomba de trilita, co cal pensaba desfacer a procesión e mandar a vinte polo menos para o outro barrio."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 118-119.

lunes, 23 de octubre de 2017

Para descargar

"pois ninguén era sabedor doutros amores que o señor Fuentes Iglesias que os que a lei lle autorizaba e que soamente desde que a señora se derramara do corazón se atrevera el a buscar remedio por outro lado, acompañandoo o propio dicente cada xoves fin de mes á capital, pola mañá cedo e sen que se soubese, para descargar cunha madrileña moi limpa, solteira e da profesión do pecado, que o señor Fuentes Iglesias mantiña en exclusiva."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 113.

domingo, 22 de octubre de 2017

Lista e zumezuga

"pois sabía el, quérese dicir o atestiguante, que xa antes dos conflictos e as loitas sindicais, Abelardo Pampín González andara correndo pola cidade que o señor Fuentes Iglesias enganaba á súa dona cunha rústica de Tralaira, de nome Ramona Pousada García, casada, boa moza, lista e zumezuga, que lle lambía máis de mil reás tódolos meses, e que era montada, con perdón,  cada feira do vintesete na Fraga de Abeleda, a onde lle saía o señor Fuentes Iglesias con dous homes que mentres o amo facía a ocupación mantiñan vixilancia por culpa e medo do burlado, un cangallón brután que din que sospeitaba."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 113.

sábado, 21 de octubre de 2017

Na gabilla

"xa nunha ocasión lle escoitara ó detido na taberna do Cuco, en data imprecisa pero nunca posterior ó comenzo dos confllictos, que o avó de dona Rosa andara na gabilla por terras do Ribeiro de Ourense na época da carlistada, onde fixera non menos de sete fillos por detrás da igrexa e que a todos mantiña, coas respectivas nais, co producto do roubado."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 112.

viernes, 20 de octubre de 2017

De bos costumes

"para o progreso informativo da causa que se segue, a cal continúa sendo as dez horas do día vintecatro de agosto do ano que corre, co interrogatorio de don Isolino Madarro Fernández, natural de Gomesende e veciño desta praza, de corenta e tres anos de idade, de profesión capataz, de bos costumes e pai de cinco fillos."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 111.

jueves, 19 de octubre de 2017

Os revoltosos

"o cal fora advertido por Roberto Seoane Pereira no transcurso dunha conversa mantida a través dunha fiestra da cociña da casa da declarante, de que non se ía acceder de ningún xeito á vontade expresada polo señor cura asediado de que fose sustituído para tal ocasión e circunstacia polo seu compañeiro da Cima da Costa, ó que os revoltosos lle apuñan a indignidade de ter agredido a Luís Reino Monterroso."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 107.

miércoles, 18 de octubre de 2017

De tal xeito

"a reconciliación entre don Pedro Parada Garrido e o señor médico do Picouto, inimigos de preto de trinta anos e que un día se deron un abrazo no medio e medio da Praza Maior, sen que mediase nin intención, nin propósito, nin vontade por parte de ningún dos dous para obrar de tal xeito."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 102.

martes, 17 de octubre de 2017

Un oratorio reformado

"manifestou a depoñente que a ela lle contara dona Úrsula Macías Carpintero que Benigno Vázquez Sarandeses e mais Mario Sánchez Ramos viaxaran á Coruña o día dezasete de agosto do ano mil novecentos trinta e cinco co encargo de contratar a un inglés que exercía ministerio renegado no Parrote, para que aceptase establecer un oratorio reformado na antiga barbería de Leandro López Liñares sita na Praza Maior, que lla pensaban preparar tal como el ordenase, incluídas pinturas, lámparas, bancos e vestimentas."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 98-99.

lunes, 16 de octubre de 2017

Os citados tanques de lavado

"negándose o mencionado a facer a comprobación que se lle solicitaba por entender que a falta de similitude entre aqueles e os traballadores afectados invalidaba calquera comprobación que se fixese, prestándose en cambio, sobre todo despois de que Abelardo Pampín González llo pedise en nome do sindicato, a acompañar a unha delegación desta última organización ata a capital da provincia para entrevistarse co señor gobernador civil e expoñerlle o seu particular parecer como responsable sanitario da hixiena da vila sobre o carácter presuntamente nocivo dos citados tanques de lavado."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 93.

domingo, 15 de octubre de 2017

"Contra a mentira relixiosa"

"se produciron os primeiros disturbios na parte baixa da cidade, no transcurso dos cales, elementos descoñecidos acantazaron a casa de Anunciata Romero Figueirido e destruíron a tenda de recordos e obxectos piadosos rexentada por dona Úrsula Macías Carpintero na esquina da Rúa da Cera, e que á mañá seguinte alguén colocara unha sábana no alto do campanario que dicía: "Contra a mentira relixiosa, a verdade da Ciencia e do Progreso", organizándose pola tarde un acto civil na Praza Maior, no que interveu don Modesto Vilariño Dacal para explicar o que xa explicara perante a Comisión Investigadora do Milagre."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 90-91.

sábado, 14 de octubre de 2017

República Francesa

"e lle dixeron que ou paraba el de predicar en contra dos traballadores e a súa causa ou seguirían con operacións sucesivas de castigo, que aínda pensaban, como se soubo despois, en coller a María dos Accidentes e poñela de Virxe María nun altar de madeira colocado no medio e medio da Praza Maior o día do Entroido; o cal se sabía por confidencias feitas por xente de parte dos propios alzados, que aseguraron que a dita María dos Accidentes recibira xa vinte pesos de paga por anticipo, polo que estaba disposta a proceder como lle mandaran, e que o que lle mandaban era que se vestise de República Francesa."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 89.

viernes, 13 de octubre de 2017

"Cara de hostia consagrada"

"suliñou o declarante que el mesmo fora testigo de como os sublevados se enfrentaran con don Bernaldo, a quen lle chamaran en voz alta "cara de hostia consagrada", pretendendo despois obrigalo a pedir disculpas polas cousas que dixera, negándose o señor abade, polo que foi empuxado ata o espolón da Praza Maior, onde o volveron insultar, chamándolle "pega rabiosa"."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 89.

jueves, 12 de octubre de 2017

Amolaba coitelos e tesouras

"polo cal aquel mesmo día se organizara un debate no que por unanimidade se acordou solicitar do señor bispo da diócese o relevo de don Bernaldo Pérez Seara como titular do goberno da parroquia (...), para o cal se fixeran incluso propostas individuais, sendo a maioritaria aquela que suxeriu que se recabase o envío do señor párroco de Rouzós, don Fermín Suárez Casado, un velliño de oitenta e tres anos, que realizara un bo labor ó frente da parroquia que rexía, na cal, ademais do exercicio do seu sagrado ministerio, se sabía que puña inxeccións, capaba porcos, gobernaba membros dislocados, facía enxertos e amolaba coitelos e tesouras."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 74.

miércoles, 11 de octubre de 2017

Camiño da casa

"Sobre este último feito declarou Anunciata Romero Figueirido que sendo a hora e o día citados, no momento en que regresaba da igrexa en compañía da súa nai camiño da casa, foron ambas sorprendidas á saída do caleixón do Forno de Abaixo por un grupo duns sete homes que comenzaron a proferir frases humillantes contra a súa dignidade cristiá, especialmente as que se referían ó milagre e ás gracias obradas por Deus na súa carne pecadora."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 69-70.

martes, 10 de octubre de 2017

Unha botella de anís

"catro días antes do suceso denunciado, unha botella de anís igual á que máis tarde se empregou na compra da acción dos sobreditos; introducindo deste xeito serias dúbidas respecto da opinión expresada por Abelardo Pampín González, que lle dixo á depoñente que os tales provocadores interviran xa por cartos en agosto do ano mil novecentos trinta e un, cando os sorprenderan no momento en que lle ían prender lume á ermida da Nosa Señora dos Remedios, deixando intencionadamente na fuxida dúas pistolas e un carnet do sindicato."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 67-68.

lunes, 9 de octubre de 2017

Folga Xeral Revolucionaria

"Interrogado sobre o seu comportamento en particular nos sucesos de novembro de mil novecentos trinta e cinco, respondeu Pampín González dicindo que durante os sete días que durou a Folga Xeral Revolucionaria non se produciu unha soa alteración de orden na cidade (...), sendo posteriormente invitados a unha merenda nas dependencias do Concello e regalados con viño e con tabaco, sen que ninguén tratase en ningún momento de impedir nin de palabra nin de obra o exercicio inocente da súa piadosa crenza."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 40-41.

domingo, 8 de octubre de 2017

Muller sen posibles e tres fillos inocentes

"dándose a circunstancia de que un deles, o Manuel Touza Rodríguez, morto de accidente no segundo forno en vésperas do desencadeamento dos sucesos revolucionarios, era amigo de seu desde que ámbolos dous serviran xuntos no cuartel de San Francisco, na cidade de Ourense, e que por esa razón se lle revolveran os figados ó se enteirar da noticia de que morrera abrasado, deixando muller sen posibles e tres fillos inocentes."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 39.

sábado, 7 de octubre de 2017

Ese habano

"xa que todo o mundo sabía que o señor Fuentes Iglesias tiña gardado no seu despacho, ben á vista de todos e metido nunha caixa de cristal, un puro habano para ser fumado desde o balcón do Concello o día que caera a República; e que ese habano llo vira fumar o pobo enteiro o pasado día vinte pola noite, cando se fixo a concentración na Praza Maior e el falou desde o balcón."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 32.

viernes, 6 de octubre de 2017

O susodito

"Así, pois, interesada da garda civil da Pedrosa a busca e captura de Abelardo Pampín González, en paradeiro descoñecido, pero presumiblemente oculto naquela comarca, e dilixentemente cumprimentada polos membros do benemérito instituto a orde transmitida, o día vintenove de xullo do próximo pasado foi conducido pola parella a esta dependencia o susodito."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 29.

jueves, 5 de octubre de 2017

De profesión desocupado

"Dito o cal, recibido que foi o informe do xastre don Avelino López Furelos nos términos e nos modos que anteriormente se relataron, montáronse os servicios oportunos a fin de proceder á detención do denunciado Abelardo Pampín González, alias Iscariote, nacido en Santa Baia de Paredes o día vintecatro de marzo do ano mil novecentos sete, fillo de Narciso e de Remedios, de profesión desocupado, sospeito dos crimes que a continuación se enumeran  e detallan."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 28.

miércoles, 4 de octubre de 2017

Seis ou sete metros máis alá

"relatando a continuación para tódolos presentes os detalles relacionados co acontecido, como foron que primeiro vira un cabalo ensillado e solto na veiga da Fontemoura, por tras da bouza de Guillade, suceso que el tivera xa por anuncio de desgracia; que unha legua despois se cruzara cuns moinantes que ían cara á raia e que lle dixeran que dese a volta, que había un morto no camiño; que o atopara na mesma posición en que aínda se atopaba, é dicir, tirado patas arriba coa cabeza desfeita e volta contra ó lado esquerdo, os brazos caídos ó longo do corpo, as pernas abertas e sen un zapato, seguramente o do pé dereito, o cal apareceu despois seis ou sete metros máis alá, na dirección do río.·

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 24-25.

martes, 3 de octubre de 2017

O xefe do somatén

"e a practicar algunhas detencións preventivas entre determinados individuos sospeitos de que se atopaban aínda nos arredores, a un dos cales lle foi ocupada unha pistola do nove largo e arma blanca, polo que se produciron os lóxicos instantes de confusión, ata que se puido aclarar que se trataba do xefe do somatén de Carracedo, quen despois de ser oportunamente identificado referiu que a noticia o collera cando se dirixía á vila para ofrecer os seus servicios e recibir as ordes pertinentes."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 24

lunes, 2 de octubre de 2017

Arrredor do morto

"Coñecida, pois, a noticia deste xeito, entrou o denunciante no taller para avisar de que se ausentaba, dirixíndose a continuación e sen demora cara ó lugr de autos, a onde chegou arredor das once horas, exactamente ó tempo que o facía a parella da garda civil de Ganade, que de seguida procedeu a despexar a zona dos moitos curiosos que xa se xuntaran arredor do morto."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 23.

domingo, 1 de octubre de 2017

Coa cabeza destrozada

"Sobre as circunstancias en que lle chegara ó declarante a noticia da morte do boticario, dixo este que sendo aproximadamente as dez horas do día vinteún do mes de xullo pasado sentira berros na rúa, diante mesmo do local que ocupa o seu negocio, polo cal motivo saíra para averiguar que cousa ocorría, atopándose entón con dous homes que anunciaban en voz alta que o boticario don Modesto aparecera tirado nun camiño do Campo das Poldras, coa cabeza destrozada."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 22-23.