martes, 26 de febrero de 2013

Ourense, Universo Literario

   De seguro hai poucos lugares no mundo nos que a realidade literaria e o espazo urbano teñan un vencello tan íntimo como esta vella cidade, Ourense, que mereceu unha longa xeira de heterónimos literarios: Auria, Ourens, Serenou, Augas Quentes, etc. Poucos lugares hai no mundo, creo, onde nunha distancia non maior de setenta metros convivisen as biografías de personaxes da talla de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor ou Xoaquín Lorenzo. Entre a rúa da Paz, a Praza do Ferro e a Barreira, alí onde naceu Bóveda, temos un itinerario cultural cargado de significados e simbolismos, patrimonio da Galiza toda, a mellor herdanza duns tempos que nunca volverán.
  Ourense é a cidade máis literaturizada do noso país, xunto con Compostela. Este é un dato ben coñecido, pero permítaseme recoñecer as primeiras esculcas neste feito dun ourensán, Xosé Luis Méndez Ferrín, que foi quen puxo en circulación por vez primeira o lema "Ourense, Universo Literario".
                         Marcos Valcárcel
("Ourense, universo literario" páxs 49-50 da revista A cidade e a palabra, Grial Cadernos, Nadal 2004)

No hay comentarios:

Publicar un comentario