martes, 26 de febrero de 2013

O Ourens de Alfonso X, O Sabio

"Assi com´eu beveria bon vinho de Ourens
assi queria bon son de cunctipotens
pera meestre Joan"
                          Alfonso X, O Sabio (1221-1284)
                          Cancioneiro da Vaticana

"Así como eu bebería bon viño de Ouréns,
así quería bon son de que "cum te potens",
pera meestre Xohán"
                           (Variante)

"Así como bebería bo viño de Ourense
así quería bo son de "cum te potens"
para o mestre Xoán"
(Versión de hoxe en día)

Ourense, Universo Literario

   De seguro hai poucos lugares no mundo nos que a realidade literaria e o espazo urbano teñan un vencello tan íntimo como esta vella cidade, Ourense, que mereceu unha longa xeira de heterónimos literarios: Auria, Ourens, Serenou, Augas Quentes, etc. Poucos lugares hai no mundo, creo, onde nunha distancia non maior de setenta metros convivisen as biografías de personaxes da talla de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor ou Xoaquín Lorenzo. Entre a rúa da Paz, a Praza do Ferro e a Barreira, alí onde naceu Bóveda, temos un itinerario cultural cargado de significados e simbolismos, patrimonio da Galiza toda, a mellor herdanza duns tempos que nunca volverán.
  Ourense é a cidade máis literaturizada do noso país, xunto con Compostela. Este é un dato ben coñecido, pero permítaseme recoñecer as primeiras esculcas neste feito dun ourensán, Xosé Luis Méndez Ferrín, que foi quen puxo en circulación por vez primeira o lema "Ourense, Universo Literario".
                         Marcos Valcárcel
("Ourense, universo literario" páxs 49-50 da revista A cidade e a palabra, Grial Cadernos, Nadal 2004)