martes, 30 de abril de 2019

Do caso que ll´aconteceu ô Dr. Alveiros

Este relato é a primeira obra en galego de Vicente Risco. Aparece o 10 de abril de 1919 no Suplemento “Terra a nosa” (Bibrioteca Popular Galega), volume 7, do xornal coruñés “El Noroeste”, e consta de 28 páxinas.

Podes consultar un exemplar desta primeira edición da biblioteca da Fundación Vicente Risco de Allariz no seguinte enlace .


Vendido ao prezo de 10 céntimos imprimiuse nos talleres do mesmo xornal de El Noroeste, na rúa Real-26 da cidade herculina. 



Nel aparecen moitas características da etapa inicial do autor ourensán: esoterismo, exotismo, ningunha referencia galega...

Bieito Alveiros, afeccionado ás ciencias ocultas entra en contacto epistolar con R. Dehmel, quen anda a procura dun método que poida devolverlle o movemento á momia exipcia de Tuthankhamon. O doutor Alveiros iniciará unha viaxe ao mundo de ultratumba que lle fará vivir macabras experiencias.
O personaxe do doutor Alveiros reaparecerá na obra narrativa máis importante de Vicente Risco, O porco de pé, publicada en 1928. Nesa primeira edición, cítase entre as obras en preparación do autor ourensán a seguinte: “Aventuras do Dr. Alveiros en Brasil”, que nunca chegou ser publicada.

Posteriormente este relato apareceu publicado pola editorial Galaxia, xunto a outros (“Os europeos en Abrantes”, “O lobo da xente” e “A trabe de ouro e a trabe de alquitrán”) nunha edición da obra O porco de pé de 1972, con edicións de Xohán Ledo. 

Edición de 1972

Ilustración de Xoán Ledo para o relato na edición de 1972



Temos que destacar dúas versións recentes do relato: un adaptación do texto de Mª Eugenia Múñoz Fernández publicada no 2011 polo Concello de Ourense e unha adaptación en vídeo, do ano 2013, dirixida por Luís Baños Campo e producida pola Fundación Vicente Risco (na súa edición en DVD acompáñase dun facsímile do texto de 1919).

Adaptación de 2011

Versión en vídeo

Hoxe cúmprense cen anos da publicación deste relato: o 30 de abril de 1919.



No hay comentarios:

Publicar un comentario