sábado, 31 de octubre de 2015

Fracasadas conversas

"A foto pertencia a unha época de relativa calma: o GIA declarara unha tregua indefinida, unha vez abertas de par en par as posteriormente fracasadas conversas de Chandrexa co Goberno de Santiago. (...) Marina entusiasmárase con aquel "escenario de paz e democracia" e eu co licor-café do Tytadine, de aí a nosa sona de parella modélica entre a xente que se movía neses ambientes. (...) O dono do Tytadine, un rancio de agarrarse -termo empregado polos guías de novo cuño para se referiren aos inmobilistas-, acusárao de ter veleidades anarquistas e de relaxar o adoutrinamento musical e político da rapazallada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62-63

viernes, 30 de octubre de 2015

A xénese do rock and roll local

"... ademais de ser unha ilustrada eminencia en todo o referido á xénese do rock and roll local. Grazas a el souben de Los Murciélagos, uns toliños de Ribadavia que gravaran nos locais de La Voz del Miño unha versión do Satisfation aló por 1966. Coñecín tamén a Los Cramps (os anteriores a Lux Interior e Poison Ivy, por suposto), que puxeran a cidade patas arriba co cancións de Elvis Presley e aos protopunkies Ben Posta, que seica compartiran escenario con Los Sirex en Barcelona enchendo ata a bandeira. A lista non remataba aí. Nueva Democracia, Los Posters, (antes Los Dráculas), Los Wagners, Los Meteoros, Los Volcanes, Los Poker, Los Gringos e moitos outros completaban unha chea de bandas das que Roi falaba durante horas, xurando atopar gravacións que, por desgraza, non existían."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62 
 
Carátula do único disco conservado de "Los Murciélagos", 1996: extraído do blog "18 rodas", e cuias cancións pódense escoitar na plataforma musical Spotify.

jueves, 29 de octubre de 2015

Cando baixaba a persiana

"Ás poucas noties de parar no Tytadine fixéramonos íntimos. Cando baixaba a persiana do bar, Marina e máis eu ficabamos dentro, sempre moi mamados, apurando as últimas cañas para rematala canda el no RockClub. Roi morría por Radio Birdman, polos Cynics e polos Nomads..."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62

miércoles, 28 de octubre de 2015

Escéptico e desencantado

"Unha das instantáneas, a máis pródiga en lembranzas,deixaba ver anos atrás unha parella nova, feliz e guapa, cervexa e canuto en man, acompañados do daquela ínclito camareiro do Tytadine, Roi Maceira. Da hostalaría á loita armada, e da militancia, ao Puerto de Santa María. Roi cumpría agora unha condena de doce anos por participar no secuestro de Xoán Manuel Calvo, director do diario do Noroeste. Unha demostración de forza que se saldara coa detención de todos os integrantes do Comando Baixa Limia. Alí fora caer un Roi escéptico e desencantado, sen máis ocupación que ver pasar os días, fumar porros, encherse de licor-café e sulfurarse coa lectura dos xornais."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.61-62

martes, 27 de octubre de 2015

Entre o tráfico

"Noriega despediuse con cara de merecer máis derrotas. Vin como se perdía entre o tráfico máis alá do estadio do Couto, onde un garda se empeñaba en contribuír ao colapso. Fiquei no medio da calzada algo atordoado, sen ser moi consciente do balbordo provocado polos claxons, que me suxerían amablemente -xunto coas correspondentes alusións familiares dos condutores- unha urxente saída por pernas. Con cartos no peto a dor resultaba tan soportable como a humillación."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.61

lunes, 26 de octubre de 2015

Media cidade

"Noriega sacou un sobre do peto do pantalón e deumo antes de provocar un formidable atasco. A esas horas da mañá, media cidade cruzaba Ervedelo en coche.

 -Está ben, respondeu. Aquí tes.
 -Grazas. Serei boa persoa -dixen apalpando o billetame-. E a ver se deixas de conducir coma un animal, que isto non é a Subida á Saleta."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.60-61

domingo, 25 de octubre de 2015

Parada e fonda

"Noriega seguía remexendo o café sen escoitarme, tusindo nerviosamente. Polo aspecto xeral da fachada -cabelo graxo e barba prolixa-, levaba días sen facer parada e fonda na ducha, onde seica lle daba tamén á chupeta.

  -Repítoche que necesito cartos -dixen-. Necesito investir no Delirios."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.58

sábado, 24 de octubre de 2015

Cheo de mazaduras

"Os guías, moi atentos, abandonáranme preto da praia fluvial de Oira. Tiveran o detalle de non levantarme a documentación, o que puxo en bandexa a filantropía dun paseante que chamou a Iris, moi alarmado polo meu estado físico. Aquel bandallas era eu, devolto á casa cunha morea de dúbidas na cabeza. Tiña o corpo cheo de mazaduras."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.54

viernes, 23 de octubre de 2015

Síndrome de abstinencia

"-Preferiría que fose polas boas ou por cartos. Pero necesito tempo para traballar a fondo. Con tal de que non me sinalen co dedo nas vosas tascas doume por satisfeito. Hai tempo que non podo ir polo Tytadine tomarlle uns lingotazos de licor-café. Teño síndrome de abstinencia."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.53

jueves, 22 de octubre de 2015

Malamente

"-Está ben, está ben -murmurei dende o chan-. Chámome Horacio Dopico e nunca serei policía. ¿Queredes algo máis? Cando era novo colaboraba na causa bebendo kalimotxos no Tytadine.

  Os encarapuchados axudáronme a recuperar, malamente, a verticalidade. Co corpo desfeitiño pola descomunal reverberación das hostias, logrei sentar e pedir clemencia."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.51

miércoles, 21 de octubre de 2015

Mexo de gato sen pretensións

"A choiva, esta vez un mexo de gato sen pretensións, todo pingolexo, obrigoume a forzar o paso cara á Avenida de Portugal, así que abandonei a posibilidade de determe nas ribeiras do Barbaña para procurar algunha solución coa que enganarme e manter o pensamento aletargado."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.47

martes, 20 de octubre de 2015

No meu ombro

"Cando todas as miñas esperanzas se centraban nun sono reparador e media botella de Bourbon, unha man pousou no meu ombro antes de que puidese enfilar Marcelo Macías.

  Dei a volta e descubrín a faciana de Helena envolta en vigorosos colores. Tiña o cabelo todo aínda máis desamañado, produto das urxentes acometidas do comellón."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.46

lunes, 19 de octubre de 2015

Residuo nervioso da inexistente conversa

"Coa orella baixa, disposto a marchar sen me despedir de Helena, subín as lapelas da gabardina e crucei o paseo para saír do parque polo Progreso, e así non interromper o padexar da parella. A friaxe agudizábase por momentos, circunstancia que non impediu que me correse un regueiro de suor polo lombo embaixo, resiuduo nervioso da inexistente conversa con Marina."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.45-46

domingo, 18 de octubre de 2015

Un impulso mecánico

"Mentres observaba a escena con total indiscreción, como só sabía mirar Noriega á saída das Carmelitas, un impulso mecánico obrigoume a marcar o número de Marina e convidala a cear esa noite á casa, aproveitando que a Iris non se lle pasaría pola cabeza falarme nuns días. Marquei o número, collín aire e agardei con impaciencia de coniñas a chegada do primeiro ton, coma un urbano que sempre se retrasa ou chega cando acendes o pito."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.44-45

sábado, 17 de octubre de 2015

Na cancela do parque

"Todo ía sobre rodas -para min- ata que na cancela do parque apareceu un rapazolo que lle dedicou varios acenos á raíña do instituto. Un dez en psicomotricidade. Imaxinei que se trataría dun código deses persoais e intransferibles, porque o gachó adoptou maneiras de orangután recén chegado de Sumatra e entendéronse os dous caralludamente."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.44

viernes, 16 de octubre de 2015

Enconicada nun dos bancos

"Dirixinme ao xardín do Posío. A primeiras horas da mañá o parque estaba tomado por xubilados e rapazolos que decidiran copar as clases, todos uns mangallóns moi mantidos.(...)

  Foi entón cando distinguín a Helena, enconicada nun dos bancos do paseo central. A visión desacougoume. Apreixaba os xeonllos cos brazos, aterecida pola friaxe, e fumaba un canuto despreocupadamente, allea aos comentarios dalgúns alumnos moi aplicados -tamén de bo dente- que se dirixían ao instituto."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 40

jueves, 15 de octubre de 2015

Unha concentración

"Para esa mesma tarde, as Xestoras Anti-Tortura convocaran unha concentración na Praza de San Cosme para protestar contra as detencións e denunciar a política represiva de xuíces, fiscais e políticos alleos ao Movemento de Liberación Nacional."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.40

miércoles, 14 de octubre de 2015

Café negro dobre e tres cigarros

"Almorcei un café negro dobre e tres cigarros nun bar da Praza de Abastos. Doíanme os ósos. Pensei que lle debía outra visita a Silvia Puga se non quería resultar descortés e traizoarme a min mesmo. (...) Os dous activistas pertencían ao Comando Peares, un dos máis sanguinarios da banda, cunha chea de acusacións pendentes por asasinatos, secuestros e extorsións a empresarios. Os membros do comando, poucos pero moi malvados, posuían unha extraordinaria capacidade para perderse nos lindeiros das provincias do interior, onde mantiñan os seus tobos salferidos polas ribeiras do Sil."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 39-40

martes, 13 de octubre de 2015

Un serrallo de recente apertura

"Grazas ao meu instinto detectivesco, en canto saímos da cidade comprendín que os avogados ían de putas. O Delirios era un serrallo de recente apertura próximo a Gustei, moi coñecido pola donosura exótica das churrianas, os prezos axustados e a solvencia dos seus clientes.(...)

  Acordei ben entrada a mañá. O Delirios parecía desafiarme baixo as raiolas dun sol irrisorio e parvo. Morría coa sede."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 35-37

lunes, 12 de octubre de 2015

Trafegando humidade

"Montei no coche, baixei por Emilia Pardo Bazán incumprindo todas as normas do código da circulación posibles e, mentres acendía un cigarro cos pulmóns trafegando humidade, comprobei como un Audi A8 do trinque circulaba aínda con máis imprudencia cá miña, desfiando os chuzos pola Avenida da Habana abaixo."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 35

domingo, 11 de octubre de 2015

Repenicar cos pés no cú

"Dei media volta e resgardeime nos soportais da Praza do Ferro. Os avogados desdebuxábanse ao fondo da rúa baixo os paraugas, e pareceume ver que subían pola Avenida de Bos Aires. Tocaba repenicar cos pés no cú.

  Cheguei moi rebentadiño, a piques de necesitar respiración asistida. Comprendín que agatuñar ás carreiras dende o Parque das Mercedes ata a Rúa San Francisco está contraindicado para o fumador medio."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 35

sábado, 10 de octubre de 2015

Liando coas charqueiras

"Por Santo Domingo adiante, lidando coas charqueiras, crin que os fulanos caeran na conta de que os seguía. A estendida crenza popular erra cando proclama que as primeiras fases das borracheiras só exaltan amizade e o gusto polos cantos rexionais. Tamén contribúen a distinguir ao peor dos inimigos e a desexarlle as penalidades máis inmerecidas."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 35

viernes, 9 de octubre de 2015

Viños e tapas a eito

"Aparquei fronte ao cemiterio de San Francisco e dende alí baixamos ata a Praza do Ferro. Nas tascas, todo quisque daba conta de viños e tapas a eito, quizais coa escusa de agardar unha tregua da choiva. Apuramos o paso e baixamos pola Rúa San Miguel ata chegar ao lugar de reunión dos nosos comensais."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 32

jueves, 8 de octubre de 2015

O ferreñísimo

""O caso era que, ferido no seu orgullo, Penide tentaba daquela botar por terra a sona de sodomita cepillando as papuxas mellor pagadas da cidade, imaxes que programaba en exclusiva TeleSil na madrugada dos venres e sábados, pero o caso era que nin con esas conseguía desprenderse da mácula de invertido. En fin, que todo rematara cun rápido desquite pola vía do KO e co Depredador moi desafiante, querendo enfrontarse na próxima defensa do título ao nada maricón Pepe Pallozas, o ferreñísimo Caimán de San Francisco."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 31

miércoles, 7 de octubre de 2015

A efémera coroa

"Un presentador empapado en brillantina informoume de que no ecuador do cuarto round, o Depredador puxera fin á efémera coroa de Cameselle cunha estremecedora dereita cruzada. O de Seixalbo caera ao chan sen oposición. Para entón, o púxil de Viñoás xa deixara claro que non ía repetir os erros do anterior enfrontamento. (...) O árbitro da pelexa parara definitivamente o combate cando vira derrearse ao de Seixalbo (...) Aos constantes insultos e agravios que lle adicara ao de Viñoás nos días anteriores ao combate engadírase unha espectácular trifulca en directo nos estudios de Tele Barbaña."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 30

martes, 6 de octubre de 2015

Un tanto cagalilas

"Entre interminables pausas para a publicidade, a historia do boxeo local empeñábase en redimir aos reis destronados. Servando Penide, o Depredador de Viñoás, era un púxil carismático, pero ás veces un tanto cagalilas. Emporiso, ocorréralle o mesmo que a Lisardito Vinagre e a Dorindo Ferrote: conseguira recuperar nos Remedios o cinto dos pesados ante o que fora o seu verdugo, neste caso un gañán voluntarioso chamado Orentino Cameselle, o Tigre de Seixalbo. Pundonor non lle faltaba."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 30

lunes, 5 de octubre de 2015

Ao socairo

"Esta guerra só acaba de comezar. Necesitamos blindarnos de solidariedade e democracia contra o fanatismo violento porque só así poderemos facerlle fronte a esa pantasma fundamentalista. Entenda dunha vez que non existen diferenzas entre a mente depravada que queima un caixeiro automático en Vilariño de Conso, sempre ao socairo de radicalismos estériles, e a que guinda dous avións suicidas contra as torres xemelgas de Nova York."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 25

domingo, 4 de octubre de 2015

Onde me agardaba

"O bufete de Seivane achábase preto do Posío, na mesma vivenda familiar onde me agardaba a súa muller. Descoñecía se traballaba e se ía querer recibirme en momentos tan delicados, así como  se estaba ao tanto das miñas intencións."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 21

sábado, 3 de octubre de 2015

As bandeiras do consistorio

"Pedín un café negro. As bandeiras do consistorio ondeaban aínda a media hasta. Nos últimos tres meses, o Grupo Independentista Armado (GIA) asasinara sete persoas: catro gardas militares, dous maxistrados e un concelleiro da corporación municipal. "Unha dura ofensiva sen precedentes"."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 20

Marchosa cefalea

"Co frío moi instalado nos ósos, traballando cambras e posibles catarreiras, optei por achegarme ata a Praza Maior e parar nas terrazas do Druída, acubilladas baixo os soportais. Pensei que a friaxe non me impediría saciar o modesto desexo de non meterme aínda entre catro paredes, e respirar así os airiños matutinos para atacarlle á marchosa cefalea."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 19

viernes, 2 de octubre de 2015

Pola teimosía dos fiaños

"Aproveitando que amainara a choiva, decidín dar un pequeno paseo a unhas horas que para o común dos noitébregos son átonas e intempestivas, mais reconfortantes para o madrugador vocacional. Atravesei a Praza do Couto e detívenme na pasarela do Barbaña para fumar un cigarro e deixarme calar pola chuvisca, apenas imperceptible, que finalmente acabou anegando a miña albarda pola teimosía dos fiaños."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 19

jueves, 1 de octubre de 2015

Cun diluvio local

"Coa perica azoutándome as ansias todas, sentinme en disposición de saír á rúa. O mediodía recibiume cun diluvio local e eu retruqueille apurando o paso por Ervedelo adiante. A esas horas, a muller do avogado xa debía estar levantada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 17