domingo, 1 de diciembre de 2013

La Catedral y el Niño (1948) de Eduardo Blanco Amor

1976, Ed. del Centro
É a súa primeira novela, e nela xa aparecen todas as súas constantes narrativas. As dúas primeiras edicións se publicaron en Arxentina, 1948 e 1956. A terceira e definitiva, con revisións de certo relevo, en España en 1976, pola Editorial del Centro. A última edición data do ano 1997, Vigo, pola editorial Galaxia.

O mundo de Auria, recuperado nun exercicio da memoria, móstrase a través do ollar dun neno, Luis, que contempla a desintegración da súa familia - a figura do pai é particularmente negativa, unha mescla de "señorito", lacaceiro, xogador, ignorante e estragador da súa propia fortuna e a da súa muller- e que
terminará emigrando á Arxentina, como o propio autor cando ten dezanove anos. A novela, de indubitábel sabor autobiográfico ben que nun marcado transvase de clase social, analiza con lirismo, ironía e por veces con soterrada tristeza, a vida pechada dunha pequena cidade cuxa falta de perspectivas culturais e económicas empurran o protagonista a procurar novos horizontes.

A débeda con Marcel Proust é sinalada polo propio Blanco Amor, e tamén co gran novelista portugués José Maria Eça de Queiroz, os xermanos Thomas Mann e Hermann Hesse, a máis de coa psicanálise de Freud, negando, en troca, a súa vinculación coa literatura realizada na España ata daquela coa excepción de Valle-Inclán.

2ª edición, 1956, Ed. Losada
Sen embargo, La catedral y el niño ten uns claros antecedentes na literatura española, sen que iso signifique rebaixar a fundamental orixinalidade da novela. Son, por outra parte, uns antecedentes ilustres: La Regenta de Clarín; Doña Perfecta de Pérez Galdós; e as dúas novelas de Oleza de Gabriel Miró: Nuestro Padre San Daniel e El obispo leproso. En todas elas encontramos a vida nunha cidade provinciana, interior -é dicir, sen mar e, por tanto, máis illada- e con bispado, que fai que os asuntos eclesiásticos teñan unha incidencia notábel nas vidas dos cidadáns. A crítica social dunhas estruturas inxustas, do poder e da intolerancia e a hipocrisía relixiosa é outra nota común nestas grandes novelas, nas que os personaxes máis positivos se ven frustrados nas súas aspiracións vitais pola represión dos máis fortes e dominantes. Sobre todo a última citada, cuxo protagonista, Pablo, é tamén un neno-adolescente, garda unha afinidade notoria con La catedral y el niño, en especial polo talante estético, a sensibilidade poética da súa prosa e o ton intimista que a preside, a máis do marcado carácter edípico do protagonista e a crítica tan aguda dos internados relixiosos masculinos.

En conxunto, La catedral y el niño, cos seus cerca de douscentos personaxes, constitúe un excelente lenzo, por veces sinxelo, por veces de indubitábel barroquismo, do Ourense de principios de século contemplado desde a perspectiva, un tanto decadente, do último membro dunha aristocrática familia en declinio. A outra cara desa moeda, a mesma cidade, a mesma época, mais vista polo fillo dun obreiro socialista, ofreceraá Blanco Amor uns anos máis tarde na súa última e soberbia novela Xente ao lonxe.
                 
         Historia de literatura galega, v.4, Ed. A Nosa Terra, páxs 1167 e 1168


Vigo, 1997, Ed. Galaxia,con cuberta orixinal de Francisco Mantecón

No hay comentarios:

Publicar un comentario