jueves, 23 de enero de 2020

Diagnóstico alucinógeno


Luís Manuel García Mañá propón unha nova posibilidade para explicar o comportamento de Romasanta. Partindo do contexto socio-cultural da época no que arredor das lareiras nos fríos invernos galegos escoitaríanse múltiples historias de defuntos, diaños e lobos, o que irían calando no subconsciente das xentes, García Mañá detense nos extremadamente húmidos e fríos invernos de mediados do século XIX, nos que choveu en exceso, o que non permitiría que madurase suficientemente o gran de centeo, base da alimentación da época. Os anos 1840, 1852 e 1854 foron especialmente famélicos. Debido as condicións climatolóxicas as espigas crecían cheas duns fungos parasitos (“claviceps purpúrea”, en castelán “cornezuelo”, e en galego “cornizó”, aínda que tamén se refiren a el como “caruncho” ou “dentón”). Como a fame era moita, en múltiples ocasións non se retiraba este fungo do centeo, moendo todo xunto, o que facía que saíse unha fariña contaminada, que intoxicaba a múltiples persoas, este mal era coñecido como “lume de san antón”, “lume ardente” ou “ergotismo”. Podía producir inflamacións gangrenosas ou ben de tipo convulsivo, que presentaban delirios, perturbacións sensoriais ou alucinacións. Este segundo caso ven producido por unha substancia, principios activos e alcaloides, coñecida como “ergotamina” que será o compoñente principal da droga que no século XX se coñeceu como LSD-25 (ácido lisérxico dietilamida), que producía a mutación das percepcións e a produción de distintas fases de terror e pracer. Documenta García Mañá como no ano 1856 estas intoxicacións eran tan frecuentes que o Gobernador Civil de Ourense advirte no Boletín Oficial da Provincia (nº114, 20 de setembro) dos perigos de consumir este gran con fungo, indicando a necesidade de limpalo ben antes de consumilo.

Por iso, o defensor desta teoría, baralla a posibilidade de que Romasanta sufrise a contaminación da ergotamina o que activaría o seu subconsciente atraído polos lobos e faría que nunha alucinación absoluta estivese convencido da súa transformación real nunha fera atacando as súas vítimas.

A súa teoría foi presentada nas primeiras Xornadas sobre Romasanta celebradas a finais de outubro de 2012 en Allariz, e posteriormente recollidas no libro de José Domínguez e Roberto Bustillo: Romasanta: Historia y leyenda. (Nuevos estudios, nuevos misterios) 2012, páxs. 181-184.

No hay comentarios:

Publicar un comentario