domingo, 10 de noviembre de 2019

Medo do home dos untos

“Pois verá, seica faltan das súas casas desde hai ben de días, a Manuela e a Benita, e que levaron con elas os fillos. Que a Petriña foi a que marchou primeiro e que están todos os catro colocados moi ben a traballar en Santander, na casa de curas ricos que miran moito por eles. Que non volven.

 Pois eu o que creo é que marcharon porque teñen medo do home dos untos, que disque andan pola serra uns criminais portugueses que matan as mulleres novas e lles sacan a graxa do corpo para facer xabóns para as ricachas da cidade e que por non teren elas homes que as abeiren marcharon por non andar elas e os tenros fillos tentando a súa sorte polos camiños adiante.

 E mesmo venderon casas e leiras e algún animal e mesmo roupa de avío, iso é que marchan sen afán de volver.

 Pois eu seille de ben que Manuel o Tendeiro botou unha man aos catro para iren pasando de aquí a Asturias e de alí a Santander e que ha volver polo resto de irmás e xuntalas todas. Quen nos dese a nós.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 72

No hay comentarios:

Publicar un comentario