jueves, 6 de agosto de 2015

O inevitable camiño do pensamento

"Oíde o que me di esa árbore, tradicional xa na cidade das Burgas.

  Hai séculos, moitos séculos, que a sementaron: as súas tenras poliñas foron medrando, medrando, pondo un tramo máis a esa escaleira viva que hoxe toca nas nubes cobizosa de fura-lo ceo...

  Os anos, os centos de anos, foron escurecendo a follatería negra que envolve o seu xigante esqueleto: as xeadas, os orballos, puxeron ó seu redor coroas de brillantes, a neve crechas de cañas, o sol nimbos de luz, e ela seguiu negra, sombría coma unha ameaza perenne ós de abaixo, coma unha dor viva, eterna. Moitas veces a brétema arremuiñouse ó seu redor coa esperanza de borralo, e sempre inutilmente, porque o seu perfil esborroado axigantábase, medrando, ceo arriba. Moitas veces a lúa tendía riba dela a súa túnica branca, e sempre en balde: a súa silueta escura, mais vigorosa no pálido ceo, semellaba un dedo de titán sinalando arriba, sempre arriba, o inevitable camiño do pensamento."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.14-15

No hay comentarios:

Publicar un comentario