martes, 15 de abril de 2014

Os Biosbardos: a infancia e a súa cidade

"Este libro está formado por un feixe de narracións escritas en Buenos Aires e publicadas por Galaxia no ano 1962. No prólogo, Blanco-Amor fai algunhas consideracións sobre os distintos aspectos da xénese e estructura da obra: Os Biosbardos é un libro escrito para demostrar a algúns a capacidade creadora do escritor, así como o dominio do oficio literario, e nace contra "aqueles que decían que A esmorga  non era máis que unha recreación autobiográfica."

  Estas narracións voltan de novo ó universo máis querido do novelista: a infancia e a súa cidade, "aquela esterqueira tullida, solagada baixo a iauga dos ceios", a primeiros de século. O pasado é outra vez o soporte narrativo do libriño, evocación melancólica da nenez, paisaxe aberto para a saudade e o desacougo. A materia narrativa de Os Biosbardos é ademais, segundo Xosé Ramón Pena, unha viaxe poética, e polo tanto emocional, do autor á idade das maxias.

  O libro leva no subtítulo a palabra "contos", termo que convén evitar, xa que estes textos responden mellor ó concepto de narración ou relato. Algúns non teñen os rasgos específicos do conto, que vén marcado sempre pola tensión narrativa, ademais da rapidez e a brevidade. O conto, como xénero, dispón dunha estructura propia e exclusiva que o diferencia de outras variedades narrativas semellantes.

  Recreación evocadora desde a saudade dos días xa pasados da infancia e do espacio lembrado do seu Ourense, Os Biosbardos é un libro escrito fóra de Galicia cando o escritor xa cumprira os sesenta anos. A memoria nostálxica reordena as lembranzas e todo queda transmutado no íntimo laberinto sentimental: "os presentes contos son dunha Auria que xa non é, a soia que me sigue pertenecendo". Hai neste libro unha experiencia da vida e un tremor lírico para se adentrar nese territorio que nin o tempo nin a desolación son capaces de derrubar. Os relatos visualizan o ambiente no que se desenvolve unha anécdota e o lector sempre descobre unha tristura, esa sombra indescriptible que ás veces aniña nos ollos dun neno.

  Blanco-Amor evoca o pasado desde imaxes sensoriais e desde a palabra. A infancia está resgardada ó abeiro da fala popular, desa sinfonía incesante do galego das xentes, que lle devolve a fasquía da súa intensidade. O escritor recrea un tempo de vivencias persoais, pero tamén o socializa ó enchelo de voces e diálogos. Blanco-Amor vive a nenez desde a linguaxe. A frescura e a espontaneidade das conversas e das palabras esquecidas son a luz destas narracións. O libro está cheo de emoción e sentimento, esa sustancia que fai ós homes."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 99-100

No hay comentarios:

Publicar un comentario