jueves, 7 de mayo de 2020

Visión esperpéntica, alucinada e lírica

"Con este libro -o primeiro poemario de Manuel Guede-, accede Ourense á condición de vila literaria. Pero non son estes poemas unha imaxe realista de Ourense e das súas xentes -non é o Madrid de Galdós, o Dublín de Joyce, o Oviedo de "Clarín"- senón unha visión medieval, como chegada a nós desde aquel outono que miraba por ollos do Bosco, do Arcipreste ou dos nosos troveiros de burlas. Contra Serenou é a visión esperpéntica, alucinada e lírica, dunha cidade vista a traveso dos morto e dos figurós, das grandes máscaras da cultura ou da Eirexa, ou da historia, que reviven mostrando o cú pola cara nun xogo de moralidade medieval. Os tolos e os escesivamente lúcidos, xente que nos olla dende a súa estatua ecuestre sen cabalo, mendiños, lacazás, maricallas insomnes, putas sentimentais, ou iracundas, ou inapetentes, ou frenéticas, putas que practican o sexo como ascetismo, ou filosóficas ou desmadradas, cornudos misericordes da casta melancólica e do gremio dos sabidores, poetas baixo palabra de honor, guerreiros en estatua, literatos que perden a figura memorable reflexados no espello dun burdel, xente toda dun retablo que o Guede -home de teatro- compón coma un escenario de máscaras. Se lle engadimos a este conxunto absurdo e xesticulante unha endiañada forza verbal, se lle engadimos un talento prodixioso para a composición grotesca -un talento capaz de amostrarnos toda unha cidade do revés, proceso moi sabido por este constructor de danzas da morte que é o Guede-, teremos unha idea aproximada do que é este libro fermoso e irritante, composto coma un cadro de Ensor con amor e crueldade. Un libro irrepetible e único no panorama da nosa poesía."

Basilio Losada Castro. Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 7

James Ensor (1860-1949). Squelette arrêtant masques.

No hay comentarios:

Publicar un comentario