jueves, 19 de enero de 2017

Un potente quiquiriquí

"O primeiro en baixar foi o señor cura, ó que non tardou en seguir o ferreiro. Durante uns minutos seguiron baixando. Chegaron logo a un descanso, aproximáronse a unha varanda de pedra e desde alí viron a cidade, un conxunto apretado de rúas estreitas e longas e dúas prazas bastante grandes, redonda a da igrexa, cadrada a outra, esta formada por catro edificios nobres. O ceo era transparente, como se o aire estivese metido dentro dunha burbulla. Entre eles e o campanario interpúñase un foxo enorme, sen fondo. Entón falaron a primeira vez. O cura limitouse a dicir: "O que che dicía eu, Antonio: a cidade de Antioquía". Cando se volveu para mirar o ferreiro, este estábase convertendo nun galo. Uns segundos máis tarde, xa o viu revoar arredor do campanario. Finalmente, pousado no mastro de ferro, no alto da torre, lanzou un potente quiquiriquí que ó rebotar contra a bóveda de auga caeu sobre a cidade como unha chuvia de música. Foi entón cando se abriron as ventás e as rúas se encheron de xente."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

No hay comentarios:

Publicar un comentario