miércoles, 19 de noviembre de 2014

Un arco de estilo neomudéxar

 "Dentro dos actos festivos con motivo da inauguración da estatua do Padre Feijóo levantouse na denominada travesía  da rúa de Alba un arco de estilo neomudéxar, deseñado polo profesor do Instituto Antonio Torres Tirado (1850-1907).

(...) En Ourense a aplicación deste estilo arquitectónico non tivo éxito. Tiña na súa contra o fácil acceso ás canteiras de granito de boa calidade como materia prima que o gremio de canteiros traballaba de forma insuperable.

Agora ben, a plasticidade da estrutura de ladrillo permitía desenvolver un amplo programa decorativo de forma moi sinxela e económica en obras, que como no caso presente, non estaban destinadas a perdurar.

Construído grazas ao financiamento do gremio de comerciantes o monumento constituíase dun grande arco de ferradura enmarcado por dúas torres ameadas de 14 m. de altura que á súa vez se coroaban por outras de base octogonal que soportaban cadanseu catavento coa cruz de Santiago e o dragón como emblemas do antigo Reino de Galicia. Das torres pendían colgaduras cos títulos das obras do Padre Feijóo. A composición resultaba vistosa pola súa monumentalidade e o cromatismo que impregnaban os azulexos decorados.

Coa súa estrutura de ladrillo erixiuse na confluencia das rúas de Alba e, a denominada naquel momento, Travesía, hoxe rúa do Paseo, que só estaba aberta nese primeiro tramo. Baixo o arco oficiouse a misa de campaña e teríase, nun principio, o espectáculo da luz eléctrica.

Das proporcións do monumento dá boa conta a fotografía que toma neses días José Martino, oficial de Hacienda de Ourense, traballo que compatibiliza co exercicio da fotografía. A fotografía é remitida á redacción da revista La Iustración española y americana que a publica no número 22 de setembro de 1887, onde reproduce fielmente o orixinal por medio dun gravado."

"Acto de homenaxe ao Pade Feijóo", do Catálogo da exposición "O Padre Feijóo: Cidadán libre da República Literaria", páx. 213-215, Xunta de Galicia, celebrada en Ourense en outubro de 2014.
Reproducción da revista La ilustración española y americana, tomado de www.canedo.eu

No hay comentarios:

Publicar un comentario