jueves, 3 de noviembre de 2016

Un pau-ferro

"-Eu estaba no Maracaibo. Telefoneu o Garza, pedíndome que fora ó Pazo polo Land Rover e que pasara pola rúa do Cuartel. Cando cheguei, a muller estaba histérica e o picapleitos frío coma un peixe.

  -¿A muller de quen?

  -Do Garza. Pillounos xuntos.

  -Ben. Metestes ó Rebollo no armario, e ti fixeches a mudanza. ¿Que foi da pistola?

  -Había dúas. A do Garza leveina eu e tireina ó río O avogado tiña outra, pero esa quedou don Pepito con ela.

  -¡Carágola! Debe haber un cargamento de 6,35 rodando por aí. O teu ferro saíu do mesmo sitio que os outros, supoño.

  -Hai as que se queiran na ferretería da Estación do Empalme.

  (...) Fun cun compañeiro fornido e un pau-ferro á ferretería da Estación e, si, había pistolas á rapañota -nove caixas sen estrear, camufladas entre rolos de arame-, e balas a esgalla nos cartuchos das puntas.

  Deixei ó compañeiro encargado de facer inventario e de precintar o negocio, e chegueime a Sobreiro. Hai tres pazos. Dous no Camiño Real, que atravesa o lugar, e outro á parte de arriba da estrada de Santiago. Este último é coñecido como o Pazo de Lagares. (...) Rodéaa un eido grande, coroado na estrema alta por penedos, e ofrece unha vista magnífica cara ó val de Ourense. (...)

  -Son moi hospitalario. Ademais, alégrame recibir visitas. Estou aillado do mundo. Ós amigos amárgalles coller o coche e saír da cidade, anque dende Ourense é un paseo. Pero entre e tome algo."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.160-161

No hay comentarios:

Publicar un comentario