miércoles, 2 de noviembre de 2016

Nos predios

"A viaxe a Ourense, pola N-525, fíxosenos curta. O Noguerol cedeume o volante e eu guiei cómodo, recortando moito as curvas da estrada, deserta na alta noite. Baixamos á cidade nun dicir amén. (...)

  Despedinme dun Noguerol apalambrado pola febre e recuperei o Dauphine, estacionado fronte ó Maracaibo. O club estaba pechado a aquela hora temperá, e tiven que buscar un bar onde me desen auga quente. Vertín un canado nos cristais para derreter a xiada.

  A ruta deica a rúa do Cuartel entooume bastante. O sol comezaba a despreguizarse, e os cidadáns corrían ós traballos tropezando uns cos outros. Nos predios, aínda rústicos, da ribeira do río cantaban os galos. (...)

  -Imaxina o paquete. Unha testemuña larpeira que, por un bolo de leite, é capaz de contar, con pelos e sinais, como un soldado retirou un armario da casa de Raúl Rebollo o luns ó escurecer; do mesmo picapleitos que aparece o martes en Velle, con máis buratos ca unha peneira. E non falemos do atentado contra un policía e do estropicio do Xesteira. Todo isto cunha pistola 6,35, que temos no noso poder. Dá para un consello de guerra e aínda sobra, habida conta da túa condición militar."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.158-159

No hay comentarios:

Publicar un comentario