viernes, 26 de febrero de 2016

Na tixola

"E sen dubidalo, o xigante lanzouse á auga chapuzando ledo como un neno. Despois acordaron seguir a beira do río até Toscaña, xunto ao lavadoiro, onde dicían os aldeáns que as troitas eran tan grandes e abundantes que practicamente abondaba con invitalas a saír da corrente para que se deitasen na tixola.

  Cabaleiro e escudeiro déronse un auténtico festín. A pesca era tan abundante como prometían, e o lugar un verdadeiro relanzo de paz. Á sombra dos chopos, un abrandado manto verde acollía aos comensais. Fronte ao lavadoiro escoitábase a mansa cadencia do río discorrendo por unha breve fervenza de apenas o tamaño dun chanzo, pola que o caudal baixaba lento e maxestoso. Á fronte, pola ponte de Toscaña cruzaba o leito un paisano cando Brais reparou nunha estraña muller que, coas roupas ensanguentadas, ficaba xunto ao lavadoiro."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.154-155

No hay comentarios:

Publicar un comentario